Técnicos de prevención de incendios denuncian xornadas de 24 horas

O persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta da Galiza traballa aínda cun acordo laboral de 2008 que está "desfasado". Demandan máis persoal e un novo acordo para reorganizar a súa xornada laboral.
Asemblea telemática da representación sindical do persoal técnico.
photo_camera Asemblea telemática da representación sindical do persoal técnico.

A base laboral do persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta da Galiza é de 2008. As organizacións sindicais CIG, CCOO, UXT e CSIF denuncian a "pasividade" da Consellaría de Medio Rural diante dunha situación que pon en perigo cada ano vidas humanas e materiais. 

Galiza, neste servizo, está deseñada en 19 distritos. Cada un deles conta cunha ou cun técnico que organiza a súa distribución a nivel de persoal, uns trescentos traballadores e traballadoras ao seu cargo. Dirixe os medios humanos e técnicos e mantén o seu funcionamento coas mesmas características de cando era un posto de libre designación, ou sexa, dispoñibilidade absoluta. "Queren que se manteña a dispoñibilidade absoluta os 365 días do ano as 24 horas", afirma a Nós Diario Xabier Bruña García, da CIG. Explica que a problemática se estende ao persoal técnico de cada distrito, que rota facendo gardas de 24 horas, 12 de presenza física e outras 12 de dispoñibilidade.

"En moitos casos, como en Ourense, pasan a ser 24 horas de traballo", asegura este sindicalista, "non é humano e máis cando moitas veces temos que coordinar situacións onde hai vidas en xogo polo medio", engade. 

Sentenzas favorábeis

Juan Francisco Losada Sanz, da CSIF, lembra a Nós Diario que "hai sentenzas de tribunais españois e europeos que indican que as horas de garda son efectivas de traballo" polo que no seu caso "deberían de ter un descanso mínimo de dous días á semana. Por este motivo, entre as súas demandas está a redución do horario anual, que supera agora as 2.000 horas -polo que fan arredor de 500 horas máis que o resto do cadro de persoal público.

Tamén demandan unha regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios, e garantir 15 días de vacacións no verán. "En ningún caso pedimos un aumento de retribución, a nosa demanda é de distribuír mellor as horas para que o servizo sexa máis efectivo", asegura Losada. 

A coordinación é esencial na extinción  dos incendios

“Se falla a coordinación tes grave un problema” explica Xabier Bruña. Sinala que agora os lumes son de sexta xeración e non afectan só á parte forestal polo que se require “estar moito máis activo para responder a esas cuestións”. Do seu traballo depende o resto do equipo humano e é responsábel do resultado. Conta en primeira persoa como após unha garde interminábel en Viana do Bolo tivo un accidente de coche froito do esgotamento.

Demandas xustas

Os catro sindicatos consideran que as súas demandas son "xustas" e "asumíbeis". Un paso importante para a concreción do que solicitan é que a Xunta aumente o cadro persoal coa intención de garantir os descansos legais estabelecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal. Tamén exixen a "distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais". 

A situación agora chegou ao límite diante dunha nova época de incendios. "Neste tempo realizamos varias medidas de presión, incluída algunha chamada ao conselleiro, e por iso abriron a negociación en agosto, mais sen dotala de contido", asegura Jose Manuel Zapata Fernández de CCOO, "todo foron boas palabras mais aínda estamos agardando", engade.

Ante esta situación que consideran "urxente" o colectivo decidiu reunirse nunha primeira teleasemblea e acordar as medidas para desenvolver ao longo das vindeiras semanas.

Comentarios