luns 06.07.2020

A taxa de temporalidade nalgúns servizos da administración galega supera o 20%

Entre 2010 e 2016 perdeuse en Galiza máis dun 6% do emprego público. Área pública da CIG convoca concentracións diante do Parlamento na defensa dos servizos públicos e a recuperación de dereitos laborais e salariais.

San Caetano, Xunta da Galiza
San Caetano, Xunta da Galiza

Os orzamentos presentados polo goberno de Núñez Feijóo non serven para atallar a “precariedade” nas administracións nin garantir servizos públicos de calidade. Así o denuncia a Área pública do sindicato CIG, que convoca mobilizacións diante do Parlamento Galego o 25 de xaneiro e o 6 de febreiro, en defensa duns servizos públicos e de calidade e para demandar a recuperación dos dereitos laborais e salariais "roubados nos últimos anos".

Maricarme López Santamariña, voceira da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) lembra que “a taxa de temporalidade xa acada nalgúns servizos o 20%, co agravante de que entre os anos 2010 e 2016, en Galiza, perdeuse máis dun 6% de emprego público". Parte da causa desta temporalidade e da precariedade é debida á taxa de reposición de efectivos. No período 2010-2015 a porcentaxe de reposición foi do 0%, agás para os servizos esenciais nos que, entre 2011 e 2014, estivo fixada nun exiguo 10%. “Isto significou a perda de máis de 4.000 empregos públicos e un incremento da temporalidade: neste intre contabilízanse nos distintos servizos das administracións máis de 5.000 traballadores e traballadoras con contratos temporais, de relevo, por días, horas, etc”.

O Conselleiro de Facenda anunciou no Parlamento estes días como unha das medidas estrelas dos orzamentos a convocatoria de 3.000 empregos públicos. "Tendo en conta os datos anteriores, esa oferta de emprego que anuncian non é máis que un apósito cativo para a sangría que está sufrindo a administración", asevera.

A taxa de temporalidade nalgúns servizos da administración galega supera o 20%
comentarios