O tamaño das empresas dificulta a redución da semana laboral na Galiza

As empresas galegas teñen complicado replicar o modelo de semana laboral de catro días que vén de anunciar Telefónica para o seu cadro de persoal polo seu pequeño tamaño.
Os salarios galegos son moito máis baixos que a media da UE(Foto: Europa Press).
photo_camera Os baixos salarios son un condicionante á hora de apostar na semana laboral de catro días (Foto: Europa Press).

Telefónica España abrirá esta semana o prazo para que o seu persoal poida acollerse á xornada de catro días (32 horas semanais), após concluír con un programa piloto no que participaron 150 persoas iniciado o pasado outono.

A xornada de catro días chega así ao Estado español ─de momento non hai constancia de empresas galegas que a teñan adaptado─ como unha modalidade de traballo máis, pero que leva aparellada unha redución de salario, mais non proporcional ao tempo que se gaña. No caso concreto de Telefónica, as persoas que se acollen a esta modalidade deben renunciar ao equivalente de algo máis de catro horas, ao tempo que reducen cinco horas e media o número de horas que traballan á semana.

As vantaxes que se sinalan desta iniciativa serían as posibilidades de conciliación familiar para as persoas traballadoras e unha "maior produtividade" da que se beneficia a empresa. Tamén, sinalan, gaña o medio ambiente, ao reducirse o número de desprazamentos ás oficinas.

Mais non todas as persoas saen gañando. Como explica a Nós Diario o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Francisco Sío, con esta medida, son os cadros directivos da compañía os que se benefician, tamén grazas a que o resto de servizos de Telefónica están externalizados a subcontratas.  

Neste senso, Sío ve "complicado" que a semana de catro días laborábeis prospere na Galiza, onde "traballamos todos os días". De feito, cre que sería máis efectivo empezar por introducir a semana de 35 horas e a fixación de quendas para a fin de semana.

Reordenar a xornada

Un dos motivos que esgrime o responsábel de emprego da CIG, e que as reducións de xornadas levan aparelladas rebaixas de soldos. Con todo, indica que "as empresas teñen que empezar a ver que, en vez de tres quendas de oito horas, é mellor pór catro de seis, co que se gaña unha contratación. Ese é o futuro", afirma Francisco Sío.

Porén, recoñece que na negociación colectiva estas medidas "son as primeiras que caen", porque se adoitan primar cuestións de primeira orde, como os salarios e a contratación indefinida, e non este aspecto. 

O problema do salario 

Para Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, "é o momento" de introducir un debate deste tipo, que xa se dá en outros países de Europa. "Por unha vez non temos que ser o furgón de cola".

"Calquera fórmula que sirva para reordenar a xornada laboral e mellorar a calidade de vida e contribuír a mellorar a produtividade das empresas nós estamos de acordo sen ningunha dúbida", apunta.

Con todo, Bouza recoñece que na Galiza "temos máis dificultades para que prospere unha iniciativa deste tipo polo tamaño das nosas empresas, que dificulta facer este tipo de cambios", e tamén pola especialización produtiva, xa que "non temos moi desenvolvido o sector servizos de alto valor engadido", que é o que máis se beneficia destas iniciativas.

Con todo, incide tamén no impacto nos salarios como unha barreira de entrada, pois entende que na Galiza, onde as retribucións medias están por baixo da media estatal, moita xente non estaría disposta a renunciar aos cartos para gañar tempo.

Comentarios