Suspensión temporal da greve nas auxiliares de Navantia após 22 días de paro

navantia greve naval auxiliares

Após 22 días, os traballadores das auxiliares de Navantia acordaron en consulta, cunha diferenza de apenas 200 votos,a suspensión temporal da greve nas auxiliares de Navantia. . Os resultados foron anunciados nas asembleas ás portas dos estaleiros de Fene e Ferrol, e nas que os representantes da CIG-Industria destacaron a demostración de “forza, unidade e determinación” que o longo destas tres semanas deu o persoal da industria auxiliar.

O secretario comarcal, Vicente Vidal, valorou positivamente o exemplo dado polos traballadores das contratas. “Nin con presións, nin con ameazas, nin con artimañas de todo tipo puideron pasar por enriba do piquete”, afirmou.

Vidal subliñou que, a pesar da suspensión da greve, a loita non rematou, polo que agora toca “seguir pelexando nas mesas de negociación para evitar que se pacte nada por debaixo dos acordos salariais”. Vidal recalcou que a greve non está desconvocada “senón suspendida de xeito temporal”, polo que, se as conversas se estancan “que non teñan dúbida que levaremos á asemblea a posibilidade de reactivar o paro”.

En canto á votación, celebrada en urna entre as 10 e as 14 horas desta qui9nta feira, foron 681 votos a favor de suspender de maneira temporal a greve e iniciar un proceso de negociación, mentres que 484 traballadores apostaron en manter o paro indefinido. Por estaleiros, en Fene rexistráronse 473 votos (203 pola negociación, 267 a favor de continuar co paro e 3 brancos); e en Ferrol votaron 706 persoas, das que 478 estaban pola suspensión, 221 a favor da continuación da greve, 3 votos foron nulos e 4 en branco. En total, participaron no proceso 1.175 traballadores e traballadoras da industria auxiliar. 

Comentarios