O Supremo rexeita o recurso de Sargadelos e anula o seu ERE

A CIG solicitou dende o inicio a non autorización do expediente por falta de documentación.

sargadelos

O Tribunal Supremo non acepta o recurso interposto por Cerámicas Sargadelos (Cervo) contra a sentenza que declaraba a nulidade do ERE formulado e parcialmente aplicado pola empresa no ano 2010. Polo tanto, dá firmeza á sentenza do xulgado do Contencioso administrativo de Lugo de 2014 – ratificada polo TSXG en 2016-. “A resolución, que dá a razón ao defendido pola CIG, pon fin ao longo camiño administrativo e xudicial que as traballadoras e os traballadores afectados tiveron que recorrer para veren recoñecidos os seus dereitos”, indica o sindicato nacionalista.

Vemos ratificada, por fin, a nosa denuncia de que a empresa non achegou a documentación precisa para a negociación do ERE, ao negar a realidade de que formaba parte dun grupo empresarial e, polo tanto, a empresa tiña que ter achegado información económica de todo o grupo e non só da Fábrica de Sargadelos. A Delegación da Consellería de Traballo tiña, coa lexislación daquela época, a potestade para aprobar ou non o ERE e, incomprensibelmente, non atendeu á nosa reclamación", subliña Xorxe Caldeiro, da central nacionalista.

Agora, apontan desde a CIG, a factoría de Sargadelos “ten que remediar esta inxustiza” e executar a sentenza que anula o ERE e que recoñece o “dereito das persoas traballadoras afectadas á reincorporación aos seus postos de traballo, con aboamento das cantidades deixadas de percibir en concepto de salarios dende as extincións dos seus contratos así como a retroacción da alta co aboamento das cotas correspondentes na Seguridade Social”.

Comentarios