O Supremo decide a vindeira semana se acepta o recurso de Alcoa contra a anulación do ERE en Cervo

A multinacional alude aos "permanentes problemas estruturais" que impiden que a factoría de Cervo sexa "competitiva", mentres o persoal retoma a folga indefinida.
Concentración do persoal de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Concentración do persoal de Alcoa en San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os maxistrados da sala do social do Tribunal Supremo debaten nesta quinta feira, 20 de outubro, sobre o recurso interposto por Alcoa contra a anulación do ERE para máis de 500 traballadores que pretendía aplicar na factoría de Cervo.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) declarou "nulo" o citado ERE ao apreciar "mala fe" nas negociacións por parte da empresa, cuxo "fin único e primordial" era "apagar as cubas e fechar a fábrica da maneira máis rendíbel posíbel".

Pola súa banda, Alcoa afirma que actuou "de boa fe" durante o período de consultas cos representantes dos traballadores, "de forma xusta e conforme cos requerimentos legais".

Aliás, fai alusión aos "permanentes problemas estruturais que fan que a planta de aluminio de San Cibrao non sexa competitiva".

Volta á folga indefinida

Neste contexto, o persoal de Alcoa vén de retomar a folga indefinida para denunciar o bloqueo das negociacións entre a multinacional, o Goberno estatal e un eventual comprador.

Na pasada sexta feira, a firma estadounidense asegurou manter o seu compromiso para traspasar a factoría a un terceiro, mais puxo como condición que o Executivo estabeleza un "marco enerxético competitivo".

Cómpre lembrar que Alcoa vendeu as súas fábricas da Coruña e Avilés ao fondo Parter, que logo as transferiu a Grupo Riesgo. Hoxe ambas as dúas están administradas xudicialmente e a Audiencia Nacional investiga se houbo despatrimonialización nestas operacións.

De feito, na quinta feira ordenou aos imputados no caso devolver 13 millóns de euros ás dúas plantas.

Comentarios