O Supremo condena a Xunta a indemnizar un bombeiro: o persoal fixo descontinuo da Administración pode ter outro emprego público

O Supremo repón agora a sentenza ditada en primeira instancia por un Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, que estimou o recurso do traballador contra a denegación da compatibilidade e condenou á Xunta a abonarlle 6.542 euros.
Un equipo de bombeiros traballa na extinción dun incendio en Crecente (A Paradanta) nunha imaxe de arquivo (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
photo_camera Un equipo de bombeiros traballa na extinción dun incendio en Crecente (A Paradanta) nunha imaxe de arquivo (Foto: Adrián Irago / Europa Press).

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo ditou unha sentenza na que avala que as traballadoras e os traballadores fixos descontinuos poidan desempeñar un segundo emprego no sector público durante os seus períodos de inactividade.

En concreto, o Alto Tribunal declara que o período de inactividade fixo descontinuo "debe considerarse compatíbel co desempeño dunha segunda actividade no sector público sempre que esta se leve a cabo dentro do período de inactividade laboral da relación descontinua e non impida ou menoscabe o estrito cumprimento dos deberes inherentes a ela nin comprometa a imparcialidade ou independencia da seu desempeño".

Segundo informou o Supremo nunha nota de prensa, mediante esta sentenza estima o recurso dun bombeiro forestal, traballador temporal fixo descontinuo no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Galiza, a quen o director xeral da Función Pública da Xunta da Galiza denegou en outubro de 2019 a súa solicitude de compatibilidade co posto de peón de brigada de repoboación forestal nun Concello para os períodos de inactividade da campaña antiincendios.

Tras examinar o marco normativo, o Alto Tribunal conclúe na súa sentenza que o Estatuto dos Traballadores contempla a posibilidade de que fixos descontinuos, "por igualdade, tamén os temporais descontinuos", poidan desempeñar unha segunda actividade nos períodos de inactividade que caracteriza a súa relación laboral, sen excluír que poida selo no sector público.

Segundo a maxistratura, a Lei de Incompatibilidades de 1984 non pode oporse ás previsións básicas aplicábeis aos traballadores e traballadoras públicas con condición de persoal laboral descontinuo, que superan por expresa previsión legal o regulamento xeral de incompatibilidade.

Neste sentido, o Supremo explica que esas previsións respectan unha regra esencial en materia de incompatibilidade, xa que o Estatuto dos Traballadores prevé que esta compatibilidade en períodos de inactividade conte coa salvagarda da prohibición de dobre actividade e dobre remuneración, e a segunda actividade que se contempla é para períodos de inactividade, caracterizados por ausencia de actividade material e de percepción de remuneración.

Deste modo, o Alto Tribunal estima o recurso do traballador contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que deu a razón á Xunta e avalou o rexeitamento á compatibilidade solicitada. O Supremo repón agora a sentenza ditada en primeira instancia por un Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, que estimou o recurso do traballador contra a denegación da compatibilidade e condenou á Xunta a abonarlle 6.542 euros.

Comentarios