"Súdame os collóns se estades sen cobrar"

O vicepresidente de REGAKI-COGAMI respondeu así @s operari@s que se fecharon na sede para reclamar os salarios adebedados. Foron desaloxad@s pola policía. 

COGAMI
photo_camera Imaxe do fechamento [CIG]

Ramón Sestayo respondeu cun "súdame os collóns se estades sen cobrar" ás persoas que esta quinta feira (15 de xaneiro) se fecharon nas dependencias de REGAKI-COGAMI en Compostela para reclamar unha solución ao conflito laboral aberto entre a empresa xestora dos quiosques para persoas con diversidade funcional e o cadro de persoal. 

Desde o mes de novembro, en que REGAKI presentou un concurso de acredores e solicitou un ERE extintivo para @s traballador@s, o pantel non percibe salario ningún o que motivou o inicio dun calendario de protestas. No marco deste, traballador@s dos quiosques e representantes da CIG-Servizos decidiron inciciar un fechamento nas instalacións de COGAMI na Galega Economía Social (GES), localizada en Compostela. 

Antes de que as persoas encerradas foran desaloxadas pola policía, o vicepresidente de COGAMI decidiu amosar a súa postura @s operari@s e lanzou o abrupto "súdame os collóns". Unhas declaracións que para a central sindical nacionalista reflicte a "indecencia" de Sestayo. 

REGAKI adebeda salarios desde novembro

A CIG leva denunciando nos últimos meses as condicións de "precariedade" en que se atopan @s traballador@s dos quiosques, un "colectivo especialmente sensíbel" que percibía "arredor de 600 euros" mensais fronte as "subvencións millonarias" que REGAKI-COGAMI obtivo da Xunta, explicou Carminha Naveiro en nome da CIG-Servizos. 

COGAMI di que non paga malia ter liquidez para afrontar futuras facturas, segundo explica a CIG

“Millóns de subvencións e nós sen salarios e sen medicacións”, berraron @s afectad@s pola política empresarial de REGAKI-COGAMI antes de que a policía procedese ao seu despexo das instalacións de GES.

A pasada segunda feira, en xuntanza co administrador concursal, representantes do cadro de persoal deron conta da "desesperada" situación económica d@s traballador@s, que "carecen de medios para pagar sequera as medicinas". Malia isto recibían con sorpresa a nova de que a empresa ten liquidez, pero que non paga porque, segundo denunciou Naveiro --quen participa nestas reunión como asesora--, o propio administrador considera que os cartos deben reservarse para pagar posíbeis facturas.

Comentarios