“Subornan encargados con cocaína para poder traballar”

CIG continúa coa publicación de testemuños de traballadores da alta velocidade en Ourense.

Operarios durmindo na obra tras xornadas de máis de 12 horas (CIG)
photo_camera Imaxe achegada pola CIG. Segundo o sindicato, a imaxe corresponde a uns operarios durmindo na obra tras xornadas de máis de 12 horas (CIG)

O sindicato CIG continúa a publicar testemuños de traballadores das obras do AVE en Ourense, confesións que demostran para o sindicato as pésimas condicións laborais destes operarios.

Segundo sinalan dende a Federación de Construción e Madeira (FCM), as críticas ao papel dos encargados son unha constante. “Os enfrontamentos, os problemas para rexistrar (e polo tanto cobrar) o traballo real que se facía na obra, e a actitude escravista, irrespectuosa e mesmo racista cos seus operarios, é un denominador común”. 

“Poñíannos motes en función da raza e da nacionalidade, e nos partes de traballo eramos Morito 1, Morito 2...”. indica a CIG que lles narrou Abdullah, un operario árabe afiliado á CIG desde hai tres anos. “Os encargados eran os que decidían quen traballaba, como e cando”.

“Coma os sábados e domingos cobrábase un chisco máis, moitos operarios chegaron a levarlles agasallos, e sobre todo cocaína, para que os chamaran a traballar. Outros negámonos, e claro, non nos chamaban tanto”, manifesta este traballador sempre segundo a central nacionalista. .

Outra denuncia recorrente é, engade a CIG, a falta dos equipos de protección individual (EPI); “aínda que houbo casos en que a empresa si os entregou, mais logo esixiulles aos traballadores que llos pagaran unha vez finalizado o contrato”.

A CIG indica que nestas obras”concorren varios equipos, ademais dos galegos: hai grupos de españois, árabes de distintas nacións, bolivianos, filipinos, etc. O caso destes últimos é particularmente rechamante, indica o sindicato. "Ficháronos' en Filipinas ou ben nas obras do AVE da Meca, executado por un consorcio das principais construtoras españolas", coa promesa de traelos a a Europa para seguir traballando en obras ferroviarias. O prezo desa 'deferencia' é, prosegue a CIG, "a dispoñibilidade permanente para a empresa, as 24 horas, por 1300 euros ao mes, todo incluído”. 

“Dos sete operarios que máis horas extras ilegais desenvolveron nesta obra, seis son compañeiros filipinos; ningún deles desenvolveu menos de 1000 horas extras ilegais, chegando ás 13 horas diarias de traballo, durante semanas consecutivas”, explica Mario Maceiras, responsábel de Negociación Colectiva da FCM-CIG,.

Para o sindicato, nestas condicións "non é de estrañar" a sinistralidade nas obras.

Comentarios