A suba salarial dos convenios queda en 2021 cinco puntos por baixo do IPC

Os salarios regulados por convenio aumentaron de media 1,47%, aínda que un de cada cinco convenios deixounos conxelados
A hostalaría concentra a maior rebaixa das restricións cunha ampliación dos horarios. (Foto: Arxina).
photo_camera A hostalaría concentra a maior rebaixa das restricións cunha ampliación dos horarios. (Foto: Arxina).

Boa parte dos traballadores e traballadoras amparadas baixo un convenio colectivo verán en 2022 como se reduce considerabelmente o seu poder adquisitivo como consecuencia da suba salarial de 2021.

Os salarios pactados en convenio subiron de media un 1,47% até decembro de 2021, moi lonxe do IPC, cuxo dato avanzado ─o valor definitivo coñecerase a finais desta semana─ situouse a feche de ano en 6,7%, a súa taxa máis alta en 29 anos, segundo datos extraídos da estatística de negociación colectiva do Ministerio de Traballo.

En 2021 rexistráronse 2.886 convenios colectivos con efectos económicos para o devandito exercicio, dos que só 735 asináronse ese mesmo ano. O resto fecháronse en exercicios anteriores, mais os seus efectos estendíanse até 2021.

Segundo a estatística de Traballo, a maior parte os convenios rexistrados en 2021 non contan con cláusula de revisión salarial para evitar perdas de poder adquisitivo. En concreto, só o 15,8% (456) contaban cunha cláusula de garantía salarial e deles, só 354 contemplan que se aplicase con efecto retroactivo.

Do total de convenios, 2.223 eran de empresa, con efectos sobre 455.400 persoas e unha suba salarial media de 1,10%, e 663 eran convenios sectoriais que daban cobertura a 7,2 millóns de traballadores e traballadoras, cunha suba salarial media de 1,50%.

Comportamento dispar 

As subas salariais pactadas nos convenios de empresa asinados en 2021 son inferiores ás dos subscritos con anterioridade pero con efectos no exercicio, que recollen un aumento medio de 1,14%, fronte 1,01% dos novos convenios.

Non ocorre o mesmo cos convenios sectoriais. Os asinados en 2021 presentan unha alza media de 1,50%, por riba de 1,49% dos convenios de sector subscritos antes dese ano, pero con efectos económicos nel.

A maioría dos convenios móvese en subas salariais que van desde 0% até 2%. Os que teñen alzas superiores a 2% só chegan a 16,3% do total. Pola contra, case un de cada cinco (19,75%) dos rexistrados contemplaba a conxelación de soldos

Medran os descolgues 

A estatística de Traballo revela ademais que en 2021 rexistráronse 559  inaplicacións de convenios, 1,2% menos das rexistradas en 2020. Con todo, estes 'descolgues' afectaron a 26.923 traballadores e traballadoras, fronte ás 20.301 persoas afectados o ano anterior, o que supón 32,6% máis.

Comentarios