A suba do salario mínimo abre o debate sobre o futuro no agro

As organizacións agrarias estatais comunicaron a súa postura contraria ao aumento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que abordará en breve o Ministerio de Traballo. Na Galiza, o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) discrepan e reclaman outro tipo de medidas. 
Explotación gandeira galega (SLG).
photo_camera Explotación gandeira galega (SLG)

O recente comunicado da Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) contrario á suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) aos 1.000 euros abriu unha profunda fenda na súa relación co Sindicato Labrego Galego (SLG). "Sentounos moi mal", explica a Nós Diario Miguel Méndez, membro da Executiva do SLG. E non é para menos. O sindicato galego conta coa COAG, a través dun acordo, para ter representación en Madrid cos diferentes Ministerios. "Nós consideramos que é xusta unha suba do SMI para conseguir rendas dignas que nós tamén necesitamos, mais non a través de precarizar traballadoras e traballadores ou contratar inmigrantes sen papeis", engade.

A postura de COAG resúmea o seu responsábel da Área de Relacións Laborais, Eduardo López, que toma como exemplo as explotacións agrarias doutras zonas do Estado. "Non resulta asumíbel para as pequenas e medianas explotacións con dous ou tres traballadoras ou traballadores fixos cando o noso custo laboral diario (69 euros), multiplica por 14 o salario dun xornaleiro en Marrocos (5 euros/día)". 

Desde o SLG, pola contra, consideran "unha oportunidade" esta medida ao considerar que "manter o salario mínimo no nivel actual supón legalizar a pobreza e a exclusión social e económica de miles de traballadoras e traballadores do agro". 

Intervención dos fondos da Política Agraria Común

A proposta desta organización agraria é que se garanta unha renda mínima ás persoas traballadoras do campo ou en Unidades de Traballo Agrario (UTA), unhas rendas a través das cales se aseguren uns ingresos netos mínimos de acordo ao SMI. Reivindican que os fondos da Política Agraria Común (PAC) se orienten cara a esta finalidade para non ter que empregar os orzamentos públicos do Estado ou da propia Xunta para garantir esa renda mínima básica para o agro.

A propia PAC debería mudar cara a un modelo máis social segundo este sindicato. "Agora van destinadas, case como dereitos históricos, a explotacións latifundiarias e tiñan que ser redistribuídas tendo en conta o emprego que xeran", sinala Miguel Méndez, "se fose así non habería problema en que as labregas e labregos que precisen contratar a alguén poidan pagarlle o SMI", engade. 

Reforma da Lei da Cadea Alimentaria

Un dos problemas máis importantes que ten o agro na actualidade é a caída dos prezos dos produtos. O SLG cre que salvar este atranco favorecería tamén chegar a ese SMI. "Pedimos que haxa rendibilidade dos nosos produtos a través duns prezos dignos", explica Miguel Méndez. Para este sindicato o Goberno ten que aproveitar a súa potestade para lexislar, a través da reforma da Lei da Cadea Alimentaria, de cara a que os labregos e labregas perciban prezos polo produto do seu traballo que deixen unhas marxes de beneficio dignas e nunca baixen dos custos de produción.

Fruga aposta por unha discriminación positiva

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) coinciden en que se ten que apoiar un aumento do SMI. O seu coordinador en Lugo, Elías Somoza, considera que agora mesmo "as cotizacións das labregas e labregos na Galiza son moi baixas e por ese motivo temos as pensións menores do Estado". Explica a Nós Diario que "ten que haber unha discriminación positiva para que haxa un agro vivo, teñen que tomar medidas urxentes". Considera que "é básico que un gandeiro que ten que pechar a súa explotación teña dereito a paro".

Neste sentido desde o SLG reivindican unha pensión digna que se iguale co salario mínimo interprofesional para apoiar “as persoas na última etapa da súa vida que é cando son máis vulnerábeis e precisan manter un nivel adquisitivo abondo para vivir eses últimos anos sen perder a súa dignidade”.

Frear a desertización demográfica no rural

“De nada nos vai servir dotar de internet ou conectividade 5G o rural se a xente que vive no campo non ten cartos para custear eses servizos”, apuntan desde o SLG. Para este sindicato as familias volverán ao rural se teñen un medio de vida digno para vivir nel. Neste sentido é esencial  a introdución dun SMI maior ao actual no noso agro para  estimular a presenza de novas traballadoras e traballadores. "Facer da agricultura unha profesión digna e ben remunerada é un paso indispensábel para conseguilo", aseguran.

Comentarios