Stellantis volve parar esta semana a produción de furgonetas en Vigo

O cadro de persoal da factoría viguesa critica a falla de previsión da dirección de Stellantis
Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo, na planta que o grupo Stellantis ten en Balaídos (Vigo), afectada polos paros (Foto: Stellantis).
photo_camera Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo, na planta que o grupo Stellantis ten en Balaídos (Vigo), afectada polos paros (Foto: Stellantis).

A dirección da fábrica do grupo Stellantis en Vigo decidiu a semana pasada parar de novo a produción do sistema 2, o que monta as furgonetas e monovolumes, até a vindeira quinta feira. Este novo paro, que se fará efectivo desde as 6 horas de mañá, prodúcese tan só tres días despois de que as traballadoras e os traballadores afectados retomasen a actividade após unha semana parados

Desde a volta das vacacións, a mediados de agosto, o sistema 2 apenas tivo actividade como consecuencia da falla de semiconductores, a coñecida como crise dos 'microchips'.

Porén, o sistema 1 (que monta os Peugeot 301 e 2008 e o Citroën C-Elysée) incorporouse de volta ao traballo o pasado 27 de agosto, mentres que o sistema 2 atrasou até a pasada quinta feira o reinicio da produción.

Desde a Central Unitaria de Traballadores (CUT) solicitaron unha reunión "extraordinaria e urxente" do comité de empresa para abordar a "dramática situación de precariedade económica" para moitas das traballadoras e traballadores de taller, a maioría con contratos a tempo parcial.

Segundo denuncian nun comunicado, a falla de previsión da empresa a curto e medio prazo e na concreción das xornadas laborais, que sospeitan pode responder a "outros intereses", impide que moitas delas poidan buscar unha alternativa laboral que mitigue a caída de ingresos.

Nesta liña, aseguran que as medidas de acompañamento asinadas no ERTE, "xa de inicio insuficientes e discriminatorias", están agora "sobrepasadas".

Por iso instan a dirección e resto dos sindicatos con presenza no comité a abordar unha situación que, no canto de terse solucionado durante as vacacións, "esta a acrecentar aínda mais a situación de precariedade económica de moitas persoas traballadoras".

Comentarios