Stellantis anuncia un novo paro de dez días en Vigo pola falta de microchips

O paro afecta aos sistemas 1 e 2 da factoría, cuxa produción non se retomará, cando menos, até o 14 de marzo.
A falla de compoñentes está a afectar a planta de Stellantis en Vigo, que viu reducida a súa produción (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
photo_camera A falla de compoñentes está a afectar a planta de Stellantis en Vigo, que viu reducida a súa produción (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis volverá parar a totalidade das súas liñas de produción a partir da próxima segunda feira, día 7 de marzo, debido á falta de determinadas subministracións, en concreto dos microchips necesarios para os seus vehículos.

Así, tal como informou a empresa, o Sistema 1 da fábrica de Vigo, onde se ensamblan os Peugeot 301 e 2008 e o Citroën C-Elysée, parará as súas quendas de mañá, tarde e noite desde ese día.

A previsión é volver ao traballo a partir da seguinte segunda feira, 14 de marzo, ás 6 horas. Pola súa parte, ao longo da semana informarase de se a quenda da fin de semana está operativa ou non.

No tocante ao Sistema 2 da factoría, que monta as furgonetas das diferentes marcas do grupo, tamén anula a actividade de todas as súas quendas desde esta segunda feira até o día 14.

Stellantis explicou que segue a sufrir a falta de aprovisionamento de determinados compoñentes. A crise dos microchips, que afecta todo o sector automobilístico, obrigou á fábrica a deter a súa produción en reiteradas ocasións nos últimos meses.

Ademais, esta semana foron moitos os rumores que prevían este novo paro de Stellantis Vigo. Esta mesma quinta feira, a compañía asegurara aos sindicatos que había unha "alta posibilidade" de que houbese unha diminución da produción a vindeira semana, mais até esta sexta non confirmaron a forma na que afectaría.

Miles de persoas afectadas

A medida afectará a todas as quendas e todos os sistemas, co que as máis de 7.000 persoas que traballan na factoría viguesa sufrirán as consecuencias de esta nova parada.

Comentarios