Stellantis parará a próxima semana por problemas de subministración

A chamada 'crise dos microchips' segue a afectar á factoría viguesa de automoción.
Persoal de PSA Citröen nunha imaxe de arquivo (Europa Press)
photo_camera Persoal de PSA Citröen nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

Os problemas de subministración de material como consecuencia da pandemia internacional da Covid-19 seguen a crear problemas na factoría que o grupo Stellantis (antes PSA Peugeot Citroën) ten en Vigo.

Confirmouno hoxe a compañía que volverá suspender a súa produción algúns días da semana vindeira debido ao problema xerado pola chamada 'crise dos microchips'.

A dirección da factoría comunicou ao seu persoal de que o sistema 1 (que monta o Peugeot 301, o Peugeot 2008 e o C-Elysée) non traballará nin a segunda feira 21 nin a terza feira 22 de xuño.

As quendas de día deste sistema incorporaranse a cuarta feira, e volverán parar a quinta 24 de xuño, mentres que a quenda de noite, pola súa banda, parará tamén o día 23 e reincorporarase á actividade o día 24.

Pola súa banda, o sistema 2 (que monta as furgonetas) traballará normalmente os días 21, 22 e 23 de xuño, até a quenda de noite, que non terá actividade, así como as quendas de día na xornada do 24.

Os dous sistemas da planta viguesa estiveron parados o pasado domingo e a segunda feira desta semana, retomando a produción a terza. Estas paradas, e as que se prevén, súmanse ás outras moitas que a fábrica sufriu desde principios de ano por falta de compoñentes que serven os provedores afectados.

Un ERTE que regula o persoal fixo

Para afrontar este escenario, Stellantis Vigo ten en marcha na actualidade un expediente de regulación de emprego (ERTE) pactado coa maioría do comité de empresa (coa excepción dos sindicatos CIG e CUT que o rexeitaron), que contempla a regulación das e dos traballadores fixos da planta a tempo completo durante un máximo de 60 días, e que está en vigor até final de ano.

Comentarios