venres 25/06/21

Stellantis chama a traballar nas fins de semana de xuño

Haberá horarios amplos na quenda de noite, malia que polo momento a factoría está sen actividade.
Liña montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis)
Liña montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis)

A planta de Stellantis (antiga PSA) en Vigo está sen actividade "até novo aviso" pola crise dos microchips, mais a dirección e o persoal traballador xa fan plans para recuperar parte do tempo perdido. 

Fontes da factoría confirmaron hoxe, após a reunión do comité de empresa, que o próximo mes de xuño todas as fins de semana serán laborábeis e traballarán con horarios amplos na quenda de noite. 

A empresa, que a pasada sexta feira xa concretara que a parada se alongaría "polo menos até o día 28 de maio" no sistema 1 e até o domingo 30 de maio no sistema 2, advertiu de que a actividade programada para xuño "previsibelmente sufrirá alteracións", debido á situación excepcional de falta de aprovisionamento de pezas, "especialmente acusado neste segundo trimestre". Unha situación que xa implicou a parada da produción en varias ocasións desde principios de ano e que provocou as críticas do persoal polo modo en que foran planificadas e, sobre todo, comunicadas.

Neste senso, a empresa tamén indicou que se informaría aos equipos sobre o momento en que se renovará a actividade, que confía en que sexa "alta" até xullo como consecuencia dunha demanda "superior á prevista" que elevará a produción até uns 2.300 vehículos ao día.

Vacacións

En canto ao período de vacacións, o pasado mes a empresa xa comunicou que o mesmo se estabelecía para todas as traballadoras e os traballadores do centro nas semanas 31 e 32, é dicir, do 2 ao 15 de agosto. Quedaba pendente de asignar a terceira semana de vacacións en período estival, a cal finalmente será a semana 30 (do 26 de xullo ao 1 de agosto) para as quendas A, B, Noite e central.

Desta forma, tal e como comunicou a dirección de Stellantis no día de hoxe, estas quendas descansarán do 26 de xullo ao 15 de agosto (ambos inclusive). A quenda de fin de semana, pola súa banda, terá as vacacións entre o 29 de xullo e o 20 de agosto (incluídos).

A empresa trasladou ao persoal que decidiu estabelecer o calendario de vacacións pese ao actual contexto de incerteza e o risco derivado da crise de aprovisionamento de pezas, que, segundo apuntou, fixo que se deixaran de fabricar unha "significativa cantidade" de vehículos nas últimas semanas.

comentarios