Stellantis anuncia a parada indefinida da produción na súa factoría de Vigo

A empresa informará da volta á actividade a partir do día 9 de marzo
O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).
photo_camera O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).

Stellantis ten previsto parar a súa produción na factoría viguesa esta fin de semana, na que nin o sistema 1, que monta os Peugeot 2008 e 301 e o Citroën C-Elysée, nin o sistema 2, o encargado da fabricación das furgonetas, estarán operativos.

Pero ese paro, motivado pola chamada crise dos microchips ─falla de subministro de semicondutores e outros compoñentes electrónicos─, podería tornar en indefinido, segundo alertan fontes do sector. 

O grupo automobilístico, que vén de presentar uns beneficios de 13.354 millóns no exercicio 2021 a pesar das paradas de produción, anunciou onte paros na produción da súa planta de Figueruelas, en Aragón, tan só unhas horas despois de comunicar que o sistema 1 da planta de Vigo pararía todas as súas quendas da fin de semana, unha medida que tamén afectaría parcialmente ao sistema 2.

Agora, despois de varias suspensións consecutivas nas últimas semanas ─onte retomaron a actividade no sistema 1 após estar parado desde mediados de febreiro─ a empresa decidiu fechar a planta viguesa de forma indefinida e até novo aviso.

Desta vez, a decisión non só está motivada pola crise dos microchips, senón que tamén influíu a imposibilidade de acceder a determinados materiais ─fundamentalmente o aluminio e o paladio─ chave para a produción de vehículos polo conflito entre Rusia e Ucraína. 

Miles de afectadas

A medida afectará a todas as quendas e todos os sistemas, co que as máis de 7.000 persoas que traballan na factoría viguesa sufrirán as consecuencias de esta nova parada. 

A dirección, segundo estas mesmas fontes, comezará a facilitar información sobre a volta ao traballo e a continuidade da produción a partir da vindeira cuarta feira, 9 de marzo.

A decisión da empresa pode influír tamén nos seus plans de futuro. Esta mesma semana, o grupo presentou o seu plan estratéxico, no que fixa o obxectivo de alcanzar os 300.000 millóns de euros en ingresos para o ano 2030 e as cero emisións netas de carbono para o exercicio 2038, cunha redución do 50% para 2030.

"O noso obxectivo é ser o número un en satisfacción do cliente para os nosos produtos e servizos en todos os mercados. Prestaremos unha atención excepcional á experiencia completa de extremo a extremo, traballando para eliminar calquera fricción ao longo da cadea de valor", destacou o seu conselleiro delegado, Carlos Tavares, durante a presentación do plan.

Comentarios