A sombra da extinta Alimentos Lácteos planea sobre a planta de Outeiro de Rei

Tegestacín é a segunda firma que fracasa no relevo de Leche Pascual, após o proxecto financiado pola Xunta de Alimentos Lácteos.
Vista das instalacións de Tegestacín, pertencente ao grupo Logística Alimentaria, no concello de Outeiro de Rei (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vista das instalacións de Tegestacín, pertencente ao grupo Logística Alimentaria, no concello de Outeiro de Rei. (Foto: Nós Diario)

Tegestacín, pertencente ao grupo Logística Alimentaria, anunciou nas vésperas de Nadal a súa intención de botar o feche nas instalacións de Outeiro de Rei que adquiriu a Leche Pascual no 2014, e o mesmo día de Noiteboa iniciou as conversas para un ERE extintivo que afecta á totalidade do cadro de persoal, integrado por 70 persoas.

O de Tegestacín é o segundo intento frustrado de reflotar a planta de procesado, fabricación e envasado de produtos lácteos de Leche Pascual, após o de Alimentos Lácteos, un grupo de oito cooperativas no que o Executivo de Feixoo enterrou 9 millóns de euros en axudas e que levou por diante a moitas das súas integrantes.

A de Alimentos Lácteos foi a proposta elixida para relevar a Leche Pascual á fronte da planta, da que mantivo a propiedade até 2014, a pesar de que tamén puxaba por ela un grupo de 24 cooperativas lideradas por Feiraco que, como apuntaban entón  desde Unións Agrarias (UUAA), "o Partido Popular primeiro e desde a Xunta despois" romperon "para primar o control partidista a través de cooperativas ideoloxicamente afíns".

"Todo iso dirixiuse desde o propio Consello de la Xunta, desde o Igape e Xesgalicia", explicaba Roberto García, secretario xeral de UUAA, que apuntaba os órganos dependentes da Consellería de Economía, liderada por Francisco Conde, como responsábeis do desenlace do proxecto.

Insolvencia e concurso

Porén, esa responsabilidade política no auxe e caída de  Alimentos Lácteos nunca se fixo efectiva. Non aconteceu o mesmo cos seus antigos administradores Eugenio Montero, presidente da cooperativa La Arzuana, e Arcadio López, presidente da de Gancobre, ambos os dous ex altos cargos do PP, que foron condenados a pagar 2,9 millóns por solicitar o concurso con atraso.

A sentenza sinalaba que a insolvencia da compañía era "desde polo menos 2011", pero non foi até 2013, despois das eleccións galegas e con varios millóns en axudas mediante, cando a empresa solicitou o concurso.

Sobre o proceso, Roberto García destacara o feito de que cinco das cooperativas que formaron parte dese proxecto dixeron en sede xudicial que quen dirixía realmente o proxecto era o Executivo de Feixoo "e que, por tanto, os erros e os fracasos sobre esas decisións tomábanse no Goberno galego".

Negativa á comisión

Esta sentencia motivou que a Federación Rural Galega (Fruga) solicitara a creación dunha comisión de investigación no Parlamento para coñecer, entre outras cousas, en que se empregaron os nove millóns de euros facilitados pola Xunta. 

A proposta, apoiada de xeito unánime desde a oposición, foi rexeitada polo PP, que argumentou que "non se pode en ningún momento responsabilizar" á Xunta de "decisións privadas".

Após a liquidación da firma, que comercializaba os seus produtos baixo as marcas Deleite Galego e Muu ─adxudicadas a Leite Noso en 2015─, Logística Alimentaria tomou o control da planta de Outeiro de Rei. Agora, cun feche á vista, a Xunta volve ter oportunidade de implicarse, mais desta vez para salvar os 70 postos de traballo da factoría. 

Comentarios