Sen solución o conflito laboral na compañía de Tranvías da Coruña

Após dúas xornadas de folga (22 e 29 de maio) a empresa négase a negociar co comité. O cadro de persoal valora novas accións.

CIG
photo_camera [Imaxe CIG]

O conflito na compañía de Tranvías da Coruña continúa aberto após a empresa rexeitar tomar en consideración as demandas do cadro de persoal. No concreto trátase de 3 puntos fundamentais, explican fontes do comité, que non teñen a ver con cuestións económicas senón de mellora das condicións de traballo. 

Neste senso, trátase dunha redución de xornada para aproximar o horario laboral ao que rexe o sector no conxunto do Estado español cunha merma de 16 horas anuais durante os vindeiros 4 anos. A subrogación do persoal para garantir a súa permanencia de trocar a concesión, ben como o compromiso de non externalizar ningún dos servizos vencellados ao transporte urbano da Coruña. 

Porén, sinalan, "a empresa négase a falar disto". Desde o cadro de persoal explican que a compañía está "instalada en esquemas moi antigos" e caracterízase polo seu "inmobilismo". "Sempre se lle permitiu facer o que lle daba a gana, foi como a nena mimada" do goberno local. 

Destarte, a mudanza política xurdida das eleccións municipais podería dar pé a un novo escenario. "É posíbel que haxa un cambio de actitude", apuntan, mais din "non" saber que papel xogará a nova corporación, aínda por constituír, nun futuro inmediato. 

Polo de agora o comité está a estudar novas convocatorias de folga pois entenden que é o "único camiño" para presionar a compañía e que atenda as reclamacións do persoal. 

Comentarios