SUSO GARCíA, FRIGOLOURO

“Sofremos condicións laborais propias dun réxime de semi-escravitude”

O paro indefinido en Frigolouro evidencia a situación dos “autónomos dependentes”. Da situación na que se atopan dá boa conta que as reivindicacións sexan a de respectar a xornada laboral e o salario mínimo.

Frigolouro

O 17 deste mes comezaba un paro indefinido en Frigolouro, empresa do Porriño pertencente ao Grupo Coren. O motivo principal da mobilización é reivindicar unhas condicións laborais dignas para o colectivo de traballadores autónomos dependentes pertencentes a Servicarne, empresa cun cadro de persoal de 224 persoas. Falamos con Suso García, da CIG, sobre este protesto e as súas causas.

- Non deixa de sorprender que, en pleno século XXI, haxa unha greve para reclamar o cumprimento de mínimos laborais que semellaban máis que garantidos, como a xornada laboral de 8 horas ou o salario mínimo

- Somos por volta de 240 autónomos, unha categoría que lle interesa moito á empresa porque non temos xornada laboral. Hai días en que se traballan 10 horas, outros 7 horas, outros 3... ao gosto do empresario. E como son autónomos, non están rexidos por ningún convenio, así que teñen o salario mínimo e a partir de aí págache a empresa según produción. Tes que empregarte 'a destajo' para acabar tendo un salario minimamente decente. Eu diría que son condicións laborais propias de Zambia, mais non sei se iso sería menosprezar os traballadores dese país. Aquí somos autónomos dependentes do que diga a empresa, totalmente. A situación é insostíbel. Un exemplo é o que acontece en canto a nivel de baixas do persoal. Na sala de despezamento da carne traballan 110 persoas, todas nesta situación de autónomos. Pois ben, a media habitual de baixas é de entre 30 e 40 traballadores. Isto dános unha idea do ritmo de traballo e das condicións laborais inaguantábeis.

- Mais esas situacións tocan no 'ilegal'. Non había inspeccións, controis... por parte da administración ou Inspección de Traballo?

- Como somos autónomos, disque Inspección de Traballo non ten competencias. Tivemos xuntanzas con ela, mais non aclaramos nada. Mesmo se convocou unha reunión en Compostela para nos sentar coa empresa e administración e tratar estes temas, mais a empresa nin se presentou. A situación non se pode aguantar. Esta é a primeira mobilización grande dos autónomos 'dependentes' de Frigolouro.

- Un paro indefinido pódese facer longo desde o primeiro día se non percebes apoio ou soporte da poboación...

- Non podemos queixarnos, a xente responde. Nestes días xa fixemos varias marchas e a veciñanza respondeu. Son moitos postos de traballo e a xente tamén sabe o que está en xogo.

- A empresa atende a razóns?

- A xente está convencida, xa está farta. Non se pode permitir que a empresa faga o que lle peta á nosa conta. Hai unidade e solidariedade entre todos, e iso é o importante. Non estamos a pedir nada doutro mundo. Até o de agora a empresa non deu un só sinal de querer arranxar o conflito, agardamos que cambie de actitude.

- Ten a administración responsabilidades?

- Ten. A Xunta deu hai uns anos millóns de euros a Frigolouro para modernizar a factoría. O primeiro que fixo a empresa foi meter 'autónomos dependentes' nesa sala. A Xunta vai ter que implicarse si ou si, non pode ficar calada e á marxe.

Comentarios