Só Polonia supera Galiza en maior taxa de temporalidade laboral na Unión Europea

O noso país ten case o 23% de asalariados con contratos temporais, unha porcentaxe por riba da que teñen 27 dos 28 estados que integran a UE. A media europea non chega ao 14%.

Só Polonia ten unha taxa de temporalidade (porcentaxe de persoas traballadoras con contrato temporal sobre o total de asalariadas) maior que a galega. O resto de estados que integran a Unión Europea teñen menor presenza de contratos temporais no seu mercado laboral. En Galiza, e en base ao estado de salarios e mercado de traballo de 2013 do Instituto Galego de Estatística, esa taxa é do 22,8 por cento. É dicer, que 23 de cada 100 persoas asalariadas que hai no noso país ten un contrato temporal. Só Polonia supera esa porcentaxe, con 27 persoas de cada 100 nesa situación.

A media da UE dos 28 é dun 13,7% en taxa de temporalidade, nove puntos por baixo da porcentaxe galega. A temporalidade en Galiza supera a de países golpeados fortemente pola crise, como Portugal (21,4%) ou Grecia (10%).

En Galiza, aliás, a temporalidade ten rosto feminino. Un 21,5% dos varóns asalariados ten este tipo de contrato fronte a un 24,5% de porcentaxe cando falamos de mulleres

En Galiza, aliás, a temporalidade ten rosto feminino. Un 21,5% dos varóns asalariados ten este tipo de contrato fronte a un 24,5% de porcentaxe cando falamos de mulleres. Unha fenda de tres puntos. Na Unión Europea, esa diferenza é de apenas un ponto (13,3% de taxa de temporaldiade neles por 14,2% nelas).

Prexuizos

A temporalidade (que expertos e técnicos lembran que vai ligada á precariedade) é un factor determinante do mercado laboral galego. Non o único, mais si de peso, e a tenor dos dados do propio Ministerio de Traballo, cada vez máis. De 87.185 contratos que se subscribiron en setembro, 25.147 foron para menos de 7 días. De entre unha semana e un mes asináronse 9.305, e de 1 a 6 meses supera os 12.400. Só 280 eran de máis dun ano.dos 83.000 convenios laborais, tan só 4.226 son indefinidos. Ou sexa, só un 4,8%, mentres que o 95,2 por cento son temporais. Unha porcentaxe que foi medrando aos poucos desde hai anos, como levan denunciando de forma insistente os diferentes sindicatos.

Comentarios