CIG, LAB, ELA, I-CSC

O sindicalismo galego, vasco e catalán pide que nesta situación de emerxencia "se protexa a clase traballadora, non o capital"

Os sindicatos CIG, ELA (Euskal Sindikatua), LAB (Langile Abertzaleen Batzordeak) e Intersindical-CSC (Confederació Sindical Catalana) reflexionan nun comunicado sobre o alcance social da pandemia do coronavirus. Unha crise sanitaria, din, utilizada para “anular a capacidade de decidir sobre cuestións fundamentais para a vida dos traballadores e as traballadoras das nosas nacións”. Vídeo no interior
ELA CIG LAB CISC
photo_camera Representantes das 4 centrais nunha imaxe de arquivo

En plena crise sanitaria polo novo coronavirus, os sindicatos CIG, ELA, LAB e Intersindical-CSC, da Galiza, Euskal Herria e Països Catalans recuperan a Declaración por unha axenda social e o dereito a decidir subscrita en febreiro polas catro organizacións para reflexionar sobre o impacto da pandemia sobre a vida das persoas.

Nun comunicado conxunto, as centrais sindicais inciden no “auxe da extrema dereita e a deriva cara ao autoritarismo de boa parte do arco político do Estado español” constatados xa no seu primeiro manifesto, así como “a negativa a unha solución política baseada no recoñecemento do dereito á autodeterminación”.

Crise capitalista

Dous meses despois, explican, “ante esta situación de excepcionalidade”, os sindicatos asinantes sitúan “a crise de saúde pública dentro dunha crise capitalista” que veñen denunciando desde hai anos e que, de forma sistemática, leva aparellada “unha crise de coidados, de recortes nos servizos públicos, de precarización e individuación laboral e social e, consecuentemente, de ruptura dos vínculos sociais”.

Doutra banda, denuncian “a utilización da pandemia da COVID-19 para impoñer un artigo 155 encuberto, invalidando a, xa de seu, insuficiente autonomía dos nosos territorios. Asistimos a unha campaña de propaganda unionista con desfiles militares incluídos, que non busca axuntar esforzos para facer fronte á crise sanitaria, senón utilizar a crise sanitaria para anular a capacidade de decidir sobre cuestións fundamentais para a vida dos traballadores e traballadoras das nosas nacións”.

Dereito a decidir

Neste sentido, exixen esforzos para limitar a expansión do coronavirus e adoptar medidas que permitan coidar da saúde das traballadoras mais da cidadanía, ademais de decisións de carácter social que impidan que “as consecuencias desta crise recaian exclusivamente na clase traballadora”.

"Reclamamos plena soberanía para construírmos un espazo socioeconómico e un marco propio da relacións laborais e protección social”.

“Reclamamos o dereito a decidir para facer fronte eficazmente á crise sanitaria así como aos retos económicos, sociais e políticos que deberemos enfrontar durante e despois da devandita crise”.

Ao seu entender, as medidas adoptadas polo Goberno estatal e os Executivos territoriais “confinan os dereitos, son inxustas e insuficientes para a clase traballadora e os colectivos máis vulnerábeis”. Por iso, demandan medidas de protección mais traballadores e traballadoras suficientes nas activiades declaradas esenciais para garantir a súa saúde; así como “a paralización de todas as actividades non esenciais”.

Protección social

Para os sindicatos asinantes, o peche das actividades non esenciais chegou tarde e cunha “xestión desastrosa”. “En menos de 48 horas, terminou cedendo ante as presións do poder económico mediante unha decisión fraudulenta na nosa opinión desde unha perspectiva democrática e xurídica”.

CIG, ELA, LAB e Intersindical-CSC estiman necesarias políticas públicas e concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais. Piden adoptar medidas para “unha protección social sen exclusións, que garantan o emprego, os salarios e ingresos dignos para toda a clase traballadora”. 

Así, explican no escrito conxunto, necesítanse medidas audaces para deixar atrás as políticas neoliberais e asegurar un financiamento público. “Vía impositiva ás grandes fortunas e ás grandes empresas”, por exemplo, e tamén mediante a intervención pública de sectores estratéxicos da economía como a banca e as eléctricas, “hoxe en mans privadas”, propoñen.

Sector público

Os sindicatos destacan o “compromiso cívico” da cidadanía, “nomeadamente das traballadoras e traballadores de sectores como a sanidade, limpeza, o coidado de maiores, a alimentación, o transporte e en xeral todos aqueles traballos que supoñen atender e coidar da xente”. E aproveitan a falta de medios de protección e de persoal suficiente para sinalar a importancia do sector público ante unha crise como a actual mais as consecuencias dos recortes acumulados nos últimos anos.

"Denunciamos a utilización da pandemia para impoñer un artigo 155 encuberto, invalidando a, xa de seu, insuficiente autonomía dos nosos territorios".

“A vida das persoas debe estar no centro das políticas. E se algo demostra esta crise é que as profesións feminizadas son as máis precarizadas e desvalorizadas, e é crucial pór fin a esta situación”.

As organización sindicais pechan o seu comunicado cun chamamento a fortalecer os vínculos colectivos e a comprometerse activamente na defensa dos máis vulnerábeis.

“Imos seguir loitando por un modelo baseado na xustiza social e ecolóxica, o feminismo e unha repartición máis equitativa do traballo e da riqueza. Reclamando plena soberanía para construírmos un espazo socioeconómico e un marco propio da relacións laborais e protección social”, conclúen. 

Comentarios