Mario Maceiras

"A situación dos traballadores galegos que constrúen as tendas para Inditex por todo o mundo é de explotación"

Esta cuarta feira un grupo de traballadores ocupaba a tenda insignia de Zara na Coruña para denunciar a precariedade laboral dos operarios de montaxe e reforma das tendas do grupo Inditex. Mario Maceiras, da Federación da Construcción e Madeira da CIG, fala dun sector con xornadas interminábeis, baixos salarios e presión patronal para evitar a organización sindical dos operarios.

mario maceiras
photo_camera Mario Maceiras

- Ocupastes o local insignia de Zara na Coruña o mesmo día en que Inditex daba a coñecer que o seu beneficio neto aumentara en 7% en 2017…

- Queriamos denunciar que eses resultados do grupo, que ese incremento de 1.300 millóns de euros de beneficio, teñen como vítimas os traballadores da construción e reforma de tendas, que son o que se chama sector Contract. É un sector relativamente novidoso e puxante, con futuro, chamado a ser importante no sector da construción. Mais agora mesmo está nunha situación de desregulación tanto a nivel de salarios como de condicións laborais. Trabállase fundamentalmente para Inditex mais tamén entran outras firmas, como pode ser H&M, Mango, Moviestar… e brillan pola súa ausencia os dereitos laborais. A organización sindical dos traballadores está case que prohibida na práctica.

Xornadas de 12 a 16 horas diarias, encadéanse viaxes ao estranxeiro para erguer locais de meses, hai unha fraude millonaria nas horas extraordinarias, e non se realizan os descansos adecuados

- De que condicións estamos a falar?

- Xornadas interminábeis, de 12 e ata 16 horas diarias de traballo; encadeamento de viaxes para levantar tendas por todo o mundo, practicamente acabas de chegar a casa e xa tes que coller un avión para ir traballar a outra parte do mundo… Hai xente que pasou seis meses sen ver a familia. Antes había unhas remuneracións económicas que en certa medida compensaban, mais xa non é así. Non só desaparecen beneficios e complementos que conlevaban eses traballos senón que practicamente estás en peores condicións que un operario que estea a traballar na Coruña.

Outro tema que preocupa é o da seguridade e saúde laboral nas obras. A dispersión das obras non fai doado facer un seguimento neste campo. E a todo isto engádese a fraude nas horas extraordinarias e a  fiscalidade.

- Esta non é a primeira ocupación que realizades para denunciar este tipo de situación. En agosto do ano pasado realizastes una acción similar. E nese mesmo mes a CIG entregou a José Manuel Queijero (responsábel de GOA Invest, SL, a construtora e promotora de Inditex) unha plataforma reivindicativa…

- Eran 15 puntos, que entendíamos que podían servir para ir avanzando de cara a normalizar o sector do contract. Mais non se nos respondeu, é máis, incluso certos empresarios comentáronnos que había orde de rachar todo tipo de relación coa CIG e impedir a creación de comités de empresa. Non están dispostos, logo, a axudar a regular este sector, polo que tivemos que reactivar a campaña reivindicativa.

É un sector que en Galiza é de en torno a 200 o 300 empresas e entre 3.500 e 5.000 traballadores

- Falas de que é un sector con dificultades para a organización dos traballadores na defensa dos ses dereitos…

- É un sector que en Galiza é de en torno a 200 o 300 empresas e entre 3.500 e 5.000 traballadores. En todo ese tecido e agás una ou dúas excepcións, non hai comité de empresa, non hai representación sindical. Estamos intentando poñer en marcha esa organización dos traballadores e atopamos una resistencia desproporcionada por parte do empresariado. Naqueles sitios onde se consegue convocar eleccións sindicais, os empresarios activan candidaturas de empresa ou mesmo chegan a despedir a quen se presente pola CIG. Queren atallar propostas que sexan efectivas para os traballadores.

- A acción desta cuarta feira quería visibilizar a outra realidade de Inditex, a súa cara B…

- Este problema non se limita a Inditex, este sector traballa tamén para outras franquicias e multinacionais; mais naceu en torno a Inditex e en Inditex está en boa medida a posibilidade de solucionar moitos dos problemas. Desde ese grupo dan unas cifras de centos de millóns de euros de beneficios e debemos ter claro que 9 de cada 10 deses euros proceden das vendas en tendas. E os que montan e reforman as tendas por todo o mundo están nas condicións que están, de explotación. Nós falamos de “explotación” mais non só a CIG empregamos ese termo. A Fiscalía arxentina imputou una subcontrata de Zara por explotar traballadores, a subcontrata que promove a obra que ocupamos esta cuarta feira.

Comentarios