A situación límite en Barreras e Vulcano podería arrastrar o sector naval vigués

Sindicatos e empresas sinalan que o naval vigués está nun momento crítico pola situación dos seus grandes estaleiros. Barreras e Vulcano (agora San Enrique) foron o motor da comarca e co seu incerto futuro milleiros de postos de traballo poderían desaparecer.
O estaleiro de Hijos de Barrera na construción do seu último pedido (Hijos de Barreras)
photo_camera O estaleiro de Hijos de Barrera na construción do seu último pedido (Foto: Hijos de Barreras)

A falta de carga de traballo nos estaleiros de Hijos de Barreras, unha vez rematado o buque Evrima, onde operaban 250 persoas, e a incerteza do futuro de Vulcano (agora San Enrique), coa decisión da Autoridade Portuaria de Vigo de rescatar a concesión dos terreos, pon enriba da mesa unha situación difícil para toda unha comarca nun sector que chegou a xerar máis de 10.000 persoas coa suma das empresas auxiliares. 

César Rodríguez, responsábel do Naval da CIG, cre que "estamos diante dunha situación de desmantelamento total do sector" que se debe a un "abandono por parte das Administracións" pola situación que viven os dous estaleiros principais, Vulcano e Barreras, entre ambos cunha capacidade de carga de traballo dun 60% de todo o sector naval. Este sindicalista lembra a Nós Diario que no seu momento pediron "unha intervención pública” como "única posibilidade de salvación", ben a través "dunha nacionalización, ben dunha implicación mediante unha porcentaxe das accións nesas empresas". Desde a central nacionalista explican que as actuais dinámicas que se deron nestas dúas grandes empresas son consecuencia desta "falta de interese". 

En opinión de Rodríguez, a industria local quedou tocada da anterior crise "por non actuar con celeridade as distintas Administracións que viñeron". Pon como exemplo Francia, que creou unha nova fórmula de axudas para o seu sector mentres aquí só se contratou un barco por esa suposta inseguridade xurídica que se podía crear, perdeuse o tempo e neses anos un 90% dos clientes que tiñan os estaleiros de Vigo marcharon para fóra. "Eses barcos fixéronse e aumentaron a contratación en países como Holanda ou Francia". 

Desde a CIG comezaron unha campaña de mobilizacións polo que consideran unha situación "límite"  cunha primeira acción en forma de manifestacións a mediados deste mes de maio.

Abrir unha mesa do sector naval

Rubén Pérez, responsábel de FICA-UXT, engade á situación  en Barreras e Vulcano o estaleiro Metalships, "que en canto entregue o último barco tamén terá falta de actividade de nova construción". Segundo este sindicalista, "será un problema para o conxunto do sector malia o mantemento do traballo en Freire e en Armon". 

Coincide en que as Administracións deberían actuar tendo en conta que "non todas teñen os mesmos problemas", polo que as actuacións deberían ser "por separado". Por este motivo é partidario "dunha mesa do sector coa presenza da Administración, empresariado e sindicatos". En caso de non actuar,  este sindicalista asegura a Nós Diario que se produciría "un auténtico tsunami que debilitaría toda a industria auxiliar que realiza un 90% da actividade da construción dos barcos". 

Problemas financeiros

Óscar Gómez, xerente da asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga), admite que é un momento "complicado pola falta de pedidos, como había antes, e certa inseguridade sobre o futuro dos estaleiros". Afirma que para a industria auxiliar é "un momento bastante malo" e teñen que buscar posibilidades "fóra da ría de Vigo", algo que non era "habitual". Como resultado desta situación, Gómez explica a Nós Diario que as empresas "teñen verdadeiras dificultades financeiras para sobrevivir". Comenta que o está a pasar acontece pola "mala xestión nalgúns casos e noutros polos escasos pedidos a nivel mundial". 

O xerente de Aclunaga agarda que os fondos europeos Next Generation tamén fiquen para o naval nalgunhas empresas. "Non poderemos contar con 200 proxectos, mais se hai cinco ou seis grandes permitirían estar aí". Aínda así expón que "non é a solución para o sector, só serviría para posicionar mellor as empresas". Para Gómez as medidas pasarían pola "formación continuada do persoal, financiamento e plans específicos de innovación para as pequenas e medianas empresas galegas sen estar agrupadas como exixen agora".  

Comentarios