domingo 19/09/21

Sinistralidade laboral: 18 vítimas mortais e 200 accidentes graves na primeira metade de 2021

UXT denuncia que de xaneiro a xuño de 2021, un total de 11.211 traballadores e traballadoras galegas foron vítimas dun sinistro laboral, sumados os accidentes en xornada e os in itinere. O sindicato advirte que a recuperación económica non se pode dar á conta de "xogar a vida no traballo".
Un operario da madeira corta un piñeiro en Vilacampa, Ferreira do Valadouro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Un operario da madeira corta un piñeiro en Vilacampa, Ferreira do Valadouro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

En total, producíronse 18 accidentes mortais, 16 traballadores faleceron no seu posto e dous no traslado do traballo a casa ou da casa ai traballo. Doutra banda, 202 sufriron un accidente de carácter grave, con secuelas físicas, psíquicas, sociais e económicas, tanto para as vítimas como para as súas persoas achegadas.

A precariedade mata

"Resulta evidente que a loita contra a sinistralidade laboral non está gañada e nin a Xunta nin as empresas poden desentenderse da mesma", conclúe UXT. "A precariedade laboral mata", incide, polo que insta o Goberno a derrogar xa as reformas laborais. 

A alta temporalidade na contratación fai que moitas persoas traballadoras non reciban formación en materia preventiva, nin se produza a necesaria vixilancia da saúde por parte das empresas, ambas as dúas, cuestións obrigatorias segundo a Lei de prevención de riscos laborais, explica nun comunicado.

Riscos psicosociais

O incremento dos riscos psicosociais, polas "pésimas condicións laborais", provocan que unha das principais causas de morte durante a xornada de traballo sexan os infartos e os derrames cerebrais, segundo datos do Ministerio de Traballo en todo o Estado, sen datos desagregados por territorios. Se ben, aclara o sindicato, "o informe do ISSGA referido a 2020, o último que publicou a Xunta, tamén apuntaba os infartos como “os accidentes máis numerosos con consecuencia de morte". 

Plan de choque

Desde UXT consideran que é necesario articular un plan de choque contra a sinistralidade laboral "de inmediato".

"Nin a Xunta nin o Goberno estatal deben mirar cara outro lado e deben articular, tanto a nivel estatal, nas mesas de diálogo social, como na Galiza" as medidas necesarias para evitar "moitos accidentes que non deberían producirse se se cumpre a Lei".

11.000 sinistros en seis meses

Malia a baixada da actividade laboral por mor da pandemia, a sinistralidade laboral segue presionando o mercado laboral galego. En 2020 Galiza anotou 24.511 accidentes e 11.211 nos seis primeiros seis meses de 2021, o que supón 4,2% dos accidentes rexistrados no Estado.

Segundo os datos que adianta o Ministerio de Traballo, entre xaneiro e xuño Galiza rexistrou 10.319 sinistros durante a xornada labora e 892 in itinere. Destes, 10.991 foron carácter leve, 202 graves e 18 persoas faleceron, 16 no seu posto e dúas durante o desprazamento. 

O sector servizos se leva a peor parte ao anotar 48,38% da sinistralidade. O comercio sitúase á cabeza con 1.389 sinistros, seguido de actividades administrativas e auxiliares (904), transporte (799), sanidade e servizos sociais (604), hostalería (411), administracións públicas e defensa (401), educación (112), outros servizos (100), actividades científicas e técnicas (97), actividades artísticas, recreativas e entretemento (91), información e comunicación (39), servizos no fogar (33), actividades inmobiliarias (7) e actividades financeiras e seguros (6).

Detrás destes datos, resalta UXT, está a alta temporalidade que se rexistra na contratación, a precariedade e á falta de prevención de saúde e seguridade.

Carencias en prevención desde 2008

UXT destaca as consecuencias da crise de 2008 en materia de prevención. A imposición de políticas de austeridade como "única vía posíbel de saída da crise" supo recortes de servizos públicos que "agora se revelan imprescindíbeis, como a sanidade pública". 

Paralelamente, denuncia o sindicato, produciuse unha redución de investimentos en prevención de riscos laborais nas empresas e de financiamento de políticas públicas activas en materia de prevención.

En consecuencia, sinala "na última década asistimos a unha repunta de accidentes de traballo e á ocultación e subrexistro das enfermidades profesionais".

Cancros de orixe laboral

Neste sentido, UXT advirte que 2021 debe ser tamén o ano que marque "o inicio do fin do problema do cancro de orixe laboral".

A falta de recoñecemento dos cancros de orixe laboral está a privar as persoas afectadas das prestacións derivadas da continxencia profesional, afirma a organización sindical, que seguirá  presionando para que as modificacións da Directiva Europea sobre protección fronte á exposición a canceríxenos e mutáxenos sexan aplicadas en tempo e garantindo a máxima protección da saúde dos traballadores e traballadoras.

comentarios