Sinistralidade laboral: mobilización no Porriño polo cuarto traballador morto no que vai de ano

Delegados e delegadas da CIG concentráronse no polígono.
Precariedade laboral
photo_camera Imaxe da mobilización (Foto: CIG)

A CIG de Vigo desenvolveu unha mobilización para denunciar a cuarta morte dun traballador en accidente laboral no Porriño no que vai de ano. Delegados e delegadas da central concentráronse e percorreron a contorna das instalacións que a empresa Sólido Feed, á que pertencía o operario falecido, comparte con outra compañía no lugar de Vilafría, en Atios, para alertar que “a precariedade mata” e reclamar máis medidas de seguridade.

Dende a CIG insisten en que a elevada precariedade laboral, os altos ritmos de traballo e a falta de seguridade e de medidas de protección están detrás de boa parte dos accidentes laborais que se producen.

Por iso despregaron unha faixa co lema “A precariedade laboral mata” diante da empresa dedicada ao comercio de fariñas de peixe para alimentación animal e pensos na que o pasado luns 27 faleceu un operario.

“Seguiremos a esixir que se cumpran as medidas para garantir a integridade física dos traballadores e traballadoras e agardamos non ter que volver a mobilizarnos en lembranza dun compañeiro”.

Comentarios