Sindicatos reclaman á Xunta diálogo na loita contra incendios

Unidade sindical para urxiren á Consellaría de Medio Rural a convocatoria dunha mesa de negociación para abordar os problemas que se rexistran no Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF).

Vista do incendio da Merca desde Fechas. A imaxe é de Xudit Casas
photo_camera Vista dun incendio da Merca o pasado ano. [Imaxe é de Xudit Casas]

CIG, UGT, CCOO e CSI­F denuncian a situación de “emerxencia” que padece o servizo a consecuencia do seu desmantelamento paulatino”. 

Os sidnicatos cualifican de “irresponsábel” a fragmentación nun “complexo entramado de organismos, empresas e institucións” do dispositivo de prevención e extención de lumes. A actual organización do SPDCIF “está a prexudicar gravemente a eficiencia do que sempre foi un servizo público de contrastada eficacia, coa única fin de servir a escuros intereses económicos e electoralistas”. Lamentan ademais que nos últimos seis anos “todas as peticións de diálogo e negociación feitas desde os sindicatos caeron en saco roto”.

Un modelo que supón ademais a precarización das condicións de traballo, a insuficiencia de medios tanto humanos como materiais e a inestabilidade laboral e profesional do persoal do servizo. Feitos que poñen “en grave risco” a súa capacidade resposta o que supón unha “gravísima neglixencia” por parte do Goberno Galego.

Se a Xunta non atende a súa solicitude de negociación os sindicatos advirten de que non ficarán impasíbeis diante dunha situación tan alarmante. Dánlle quince días para respostar a súa solicitude. De non acceder a ela “verémonos na obriga de iniciar mobilizacións e actos reivindicativos na defensa dun servizo esencial para Galiza”.

Comentarios