Os sindicatos piden a nacionalización de Alcoa no inicio da negociación do ERE

No inicio das negociacións do ERE por parte de Alcoa aumentan as voces que piden a intervención da factoría de San Cibrao (Cervo) para salvar os postos de traballo.  Os sindicatos critican á Xunta e piden responsabilidade ás Administracións galega e española para evitar a perda de postos de traballo.
Protesta de persoal de Alcoa (Carlos Castro/ Europa Press)
photo_camera Protesta de persoal de Alcoa (Carlos Castro/ Europa Press)

Hoxe comezan as negociacións anunciadas de maneira unilateral por Alcoa para a aplicación dun expediente de regulación de emprego (ERE) na factoría que a multinacional ten en San Cibrao, Cervo. O desenvolvemento e o resultado da reunión multilateral mantida entre as administracións, empresa e sindicatos deixou en clara evidencia as intencións da empresa de continuar adiante co proceso e non atender ningunha das propostas presentadas polo Goberno español nin tampouco as peticións das organizacións sociais de ampliar no tempo as negociacións para salvar a factoría. 

Ecos dunha xuntanza telemática sen acordo

"Alcoa considera que o marco apropiado para discutir o futuro da planta de aluminio de San Cibrao é a mesa de negociación cos representantes dos traballadores", aseguraba a multinacional  nun comunicado ao remate da reunión e engadía que na mesa convocada polo Ministerio de Industria "non se expuxo proposta algunha que se sosteña con garantías e certeza" polo que "a empresa continúa centrada no proceso de consultas aberto cos representantes dos traballadores". Era, en poucas palabras, un feche a continuar negociando calquera alternativa en vindeiras xuntanzas.  

"Alcoa mantense enquistada, o seu presidente Álvaro Dorado aquí é un home de palla, estamos convencidos que non ten capacidade algunha de tomar decisións que veñen de Pittsburgh", explicaba a Nós Diario Víctor Ledo, secretario xeral de Industria de CCOO.

"A proposta do Ministerio pode valer como punto de partida mais a intransixencia de Alcoa de non retirar o ERE fixo que nos chamáramos ao Goberno español a que axilizara todas as actuacións que anunciou para que sexan realidade e exixirlle tamén que aceptara todas as nosas achegas", relataba Paulo Carril, secretario xeral da CIG, a Nós Diario.

Por parte da UXT, o responsábel da Federación de Industria, Construción e Agro (FICa UXT) califica a xuntanza de "decepcionante" e en relación á resposta da multinacional pensa que "se hai unha sobreprodución é normal nun estado de pandemia, todas as empresas están nesa situación e non toman a decisión de despedir". 

Críticas á Xunta

"Foi lamentábel a posición da Xunta de facerlle o xogo á empresa”, asegura Carril. Da mesma opinión é Victor Ledo que cualifica a actuación do conselleiro de Industria de "belixerante" durante toda a reunión.  "Foi agresiva e con tintes electoralistas que sorprendeu ás partes por  poñénrse de lado da empresa", explica o sindicalista. Sinala que  el mesmo chegou a interrompilo para pedirlle que mudara esa postura, "a mesma que mantivo o día anterior nunha xuntanza co Ministerio pola Mesa das Pontes". Asegura que se lle pediu que "se tiña esa intervención mellor que abandonara a xuntanza pois semellaba que tiña a nota de prensa antes da reunión".  

A intervención como única saída ao feche da factoría

"Entre as nosas achegas está a da intervención pública, que demostramos que era unha posibilidade legal", sinalaba Paulo Carril, "queremos un calendario concreto e disposición a que a intervención pública garanta que as cubas de electrólese non paren", engade.

Desde CCOO comparten esta solución e apuntan que "a Xunta ten que presionar para que non se execute o ERE e o Goberno español debería desenrolar a súa proposta cos posíbeis inversores enerxéticos e industrias". Contando co prazo de negociación que se inicia hoxe cren que "se de aquí a un mes Alcoa non muda a súa posición habería que impedirlle fechar por vía administrativa e de maneira legal cunha intervención", unha posibilidade para a que teñen competencias ambas administracións. 

Inicio da negociación do ERE en Alcoa

"Veremos a auténtica realidade de Alcoa que leva desde o primeiro día non querendo ter solucións senón executar un plan que ten deseñado que é o de fechar a factoría", afirma Carril. Para a central nacionalista "a problemática non se reduce a 564 despidos, tamén as auxiliares teñen que verse reflexadas en calquera proceso de discusión que haxa sobre o futuro do complexo industrial". Polo seu lado CCOO lembra que "o Ministerio non debe despedirse do conflito unha vez iniciado o período de consultas do ERE coa pataca quente para a Xunta que ten as competencias en Industria que é de Emprego, e terá que sustentar a autoridade laboral do expediente". 

Comentarios