Os sindicatos mobilízanse contra a precariedade laboral nas Illas Atlánticas

CIG, UXT, CCOO e CSIF anuncian mobilizacións para instar a Xunta a que negocie a mellora das condicións laborais do persoal público que presta servizo neste espazo natural protexido.
Illas Cíes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Illas Cíes

Os sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e UXT  denuncian  ante a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda "a precariedade laboral" do persoal empregado público que presta servizo nas Illas Atlánticas, o que confronta coa imaxe de "paraíso natural" do parque nacional.

A través dun comunicado conxunto, as centrais sindicais critican que o Executivo galego "se resiste a regular" o traballo destas profesionais. Trátase, segundo apuntan, de 25 empregadas públicas entre funcionarias e persoal laboral, que prestan servizo "os 365 días do ano" nas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. As centrais afirman que se atopan "nun limbo" desde a transferencia deste espazo natural protexido do Estado español á Xunta en 2008.

Axentes, vixiantes, guías e tripulación conforman un grupo de traballadores que, en dúas quendas semanais ,manteñen o funcionamento deste espazo e a atención ás persoas usuarias, mentres a Consellaría mantén o servizo "as 24 horas do día os 365 días do ano cun cadro raquítico e sen un acordo de condicións de traballo que regule a súa situación singular", critican as centrais sindicais.

A esta realidade hai que engadir que as empresas e contratas que emprega a Xunta no verán para obras e actuacións teñen ao seu persoal en condicións "aínda peores" e comparten espazos "e penosidades" co persoal empregado público, apuntan.

Entre os aspectos sobre os que chaman a atención as catro forzas figuran a existencia de "xornadas de traballo infinitas", xa que a dispoñibilidade é total. En cómputo anual traballan máis do dobre de horas máximas anuais doutro persoal de terra, superando en ocasións as 2.000.

Xunto a isto, responsabilidades "non recoñecidas", "especiais penosidades", quendas de noite e traballos con risco tóxico ou biolóxico, condicións de seguridade "ínfimas", unha conciliación "imposíbel", persoal de longa duración en prazas estruturais e vivendas compartidas "practicamente inhabitabeis".

A isto hai que sumar que despois de 18 anos de servizo continuado non se teña negociado unha solución nin existise ningún tipo de interlocución".

Ante esta situación, as organizacións sindicais anuncian próximas mobilizacións para reclamar a apertura dunha negociación que poña fin á precaria situación das traballadoras.

Comentarios