Sindicatos levan perante Inspección de Traballo o recurso a ‘crebafolgas’ para rachar a greve do mantemento de Navantia

100% do persoal da UTE Tecman-Rayman e Indasa secunda a segunda xornada do paro indefinido, indican as centrais.

mantemento navantia folga

A segunda xornada da folga indefinida no servizo de mantemento de Navantia está rexistrando un seguimento do 100% tanto entre o persoal da UTE Tecman-Rayman como entre o de Indasa, segundo informa a CIG. Este paro provoca xa que as cabinas de chorreo e pintura de Fene estean “completamente paralizadas”, segundo o sindicato.  Até o momento, nin as empresas afectadas nin a propia Navantia teñen iniciado ningún contacto coa representación social na procura dunha solución.

Os traballadores de ambas empresas concentráronse desde as 6.00 horas desta terza feira diante das portas de acceso ás instalacións de Fene e Ferrol en demanda da readmisión dos 15 compañeiros despedidos e na defensa do dereito á subrogación que teñen recoñecido por convenio.

“Éxito incontestábel”

A CIG cualifica a folga de “éxito incontestábel”. Acusa Navantia de recorrer “a todo tipo de manobras” para manter a actividade, a pesar de que no laudo ditado polo Consello Galego de Relacións Laborais xa se advirte da ilegalidade que suporía substituír o persoal en folga por outros traballadores, ben sexan da principal ou de terceiras empresas. O laudo arbitral determinou a ilegalidade dos servizos mínimos que pretendían impor as empresas

Así, a centrais sindicais presentaron esta terza feira denuncia na Inspección de Traballo por vulneración de dereitos fundamentais e para que investigue "posíbeis esquirolaxes" tendo en conta que na primeira xornada de folga houbo un intento de arrincar as cabinas de Fene, malia 100% persoal que as opera secundar o paro.

Comentarios