Os sindicatos exixen a Sánchez que non centre nos salarios a resposta á crise

Consideran negativo o pacto de rendas sen outras medidas adicionais que garantan o mantemento do poder adquisitivo da poboación.

O Palacio da Moncloa acolleu a pasada segunda feira a reunión entre representantes do Executivo español, sindicatos e patronais (Foto:A. Pérez Meca. POOL / Europa Press)
photo_camera O Palacio da Moncloa acolleu a pasada segunda feira a reunión entre representantes do Executivo español, sindicatos e patronais (Foto:A. Pérez Meca. POOL / Europa Press)

O Goberno español, a través do presidente, Pedro Sánchez, as vicepresidentas e varios ministros e ministras, trasladou a comezos desta semana á patronal e aos sindicatos a necesidade dun "pacto de rendas" como resposta á situación económica derivada da crise da Covid e o conflito armado entre Rusia e Ucraína.

Foi durante un encontro na Moncloa no que Sánchez incidiu no argumento de que esta medida permitiría proporcionar estabilidade e confianza ao conxunto da sociedade, evitando unha espiral inflacionista e reforzando a recuperación económica, a creación de emprego e o poder adquisitivo dos salarios.

Porén, os axentes sociais, que amosaron o seu apoio ao Goberno español na resposta á actuación de Rusia en Ucraína, defenderon a súa autonomía para acordar as subidas salariais no marco dos convenios colectivos e incidiron en que aínda hai que definir os temas que poderían formar parte do devandito acordo de rendas, pois estes pactos estiveron historicamente ligados a cuestións de índole fiscal.

Como lembra en declaracións a Nós Diario, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "a carestía da vida xa existía antes destes conflitos pola ausencia de políticas por parte dos Gobernos para evitar que a tendencia inflacionista repercutise na clase traballadora". Por iso desde o sindicato entenden que "non tomar esas medidas" e impor un pacto de rendas sería "moi negativo".

Intervención pública

Carril, que teme que o Goberno español estea a empregar o conflito en Ucraína como "pretexto" para tomar decisións "moi inxustas", sinala que os convenios colectivos, "con moita dureza e gran adversidade", están a conseguir actualizar os salarios de acordo á carestía da vida. "É inevitábel que así sexa e calquera negociación que pretenda topar os salarios para nós é negativo", insiste o secretario xeral da CIG.

Nesta liña, exixe do Goberno español un paquete "completo e integrado de intervención pública" para que o prezo da luz e os combustíbeis non repercuta dunha forma extraordinaria no peto dos traballadores e das traballadoras", abundou. 

Desde CCOO, a súa responsábel de Emprego, Maica Bouza, aclarou que non están a pór o pacto de rendas enriba da mesa, senón falando do acordo de emprego e negociación colectiva e de como poden os salarios recuperar o poder adquisitivo previo á pandemia. "O Goberno non pode mesturar a negociación colectiva con políticas que son da súa competencia. Non aceptaremos que se fale só de salarios. Nós o que queremos é que poña medidas máis amplas enriba da mesa que non recaian só na clase traballadora", indicou Bouza, que suxeriu minorar os beneficios empresariais, limitar o reparto de dividendos ou "darlle unha volta" ao sistema fiscal.

Postura da patronal

Pola súa parte, a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), ao contrario que os sindciatos, considera "moi necesario e positivo" alcanzar un pacto de rendas ante a inflación desbocada e a guerra en Ucraína. "Este pacto daría confianza aos mercados e aos investidores nun escenario infestado de incertezas pola situación derivada da pandemia e agravada agora polo conflito bélico comentado", argumenta a patronal galega.

Comentarios