Os sindicatos exixen a intervención de Alcoa por parte das Administracións

O TSXG dá á razón aos sindicatos CIG, UXT e CCOO e tomba nesta quinta feira, 18 de decembro, o despedimento colectivo de máis de 500 traballadores da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo).
Velorio por Alcoa como acción reivindicativa na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Velorio por Alcoa como acción reivindicativa na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Após coñecerse a nova da decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de atender á petición dos sindicatos CCOO, CIG e UXT, o secretario xeral de Comisións Obreiras, Ramón Sarmiento, afirmou que “hoxe é un gran día para a clase traballadora galega”.

Desde o seu punto de vista, con esta resolución queda demostrado que a compañía “obrou de mala fe e perseguindo intereses espurios”.

Sarmiento quixo destacar, tamén, a unidade que amosaron as distintas centrais sindicais con presenza nun proceso de meses, no que tamén houbo un apoio social na Mariña. Agora demanda das Administracións públicas traballo para “facer viábel unha alternativa industrial que garanta o emprego na comarca”.

Pola súa parte, a CIG dixo sentir unha "enorme satisfacción" após coñecer o resultado e ver que se "desbaratan os plans" de Alcoa. Aludiu á "mala fe" porque a dirección baseou as decisións na "interpretación máis regresiva da reforma laboral".

"Capacidade de loita e resistencia"

En todo caso, a central sindical reclama unha actuación decidida por parte da Xunta da Galiza e o Goberno do Estado español. "Tal e como se reflicte na sentenza, ten tomada unha decisión e non quere que se siga producindo aluminio primario na Mariña".

Precisamente por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, entende que "é preciso iniciar xa o proceso para a intervención pública e impedir desta maneira que a empresa poida levar adiante o seu plan de desmantelamento pola vía dos feitos consumados".

Carril, que valorou a "capacidade de loita e resistencia" do cadro de empregadas e empregados, avisou de que canto máis se demoren as Administracións públicas na "necesaria expropiación máis corresponsábeis serán das decisións" de Alcoa no futuro inmediato.

A "valentía" do Tribunal

Pola súa parte, fontes de UXT-FICA-Galiza celebraron a decisión e destacaron que "á dirección non lle queda outra que reflexionar e sentarse de novo a negociar pero, desta vez, co obxectivo de garantir un plan de futuro para a factoría da Mariña e o mantemento dos postos de traballo".

Aliás, pediu un maior compromiso das institucións cunha coordinación para presionar nese camiño de futuro. De feito, o sindicato incide en que haberá que seguir loitando.

"As administracións, tanto a central como a Xunta, non se poden esquecer de que Alcoa achega o 30% do PIB de Lugo, polo que a loita polo seu futuro é obrigada". Malia ese traballo que queda, agradeceu a "valentía" da sala do social do Tribunal Superior.

Outras reaccións

No que toca directamente á representación dos traballadores, integrantes do comité como o seu presidente, José Antonio Zan, acudiron ao entorno do complexo industria para festexar a decisión xudicial.

A ministra de Industria, Reyes Maroto, foi unha das primeiras representantes públicas en reaccionar á decisión do TSXG. A través dun chío desde a súa conta de Twitter, a representante do Goberno do Estado español afirmou. "Faise xustiza con máis de 500 traballadores e toda unha comarca, que hoxe poden estar máis tranquilos. Parabéns!".

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta, Francisco Conde, destacou a "boa noticia" e dixo agardar a que a empresa regrese "agora á senda do diálogo" para intentar a venda.

"Debe rectificar e traballar na venda, sobre todo sabendo que hai un operador disposto a intervir e que quere manter a actividade", salientou, agradecendo o "esforzo conxunto" de todas as partes para chegar ao resultado comunicado esta quinta feira.

Para o BNG trátase dunha "victoria" pero hai que apostar na intervención para "o empurrón definitivo". A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, pediu á Xunta e ao Goberno de Pedro Sánchez que "deixen de perder o tempo que é preciso para poder manter en pé a produción de aluminio e os postos de traballo".

A postura do PSdeG, segundo o seu secretario xeral Gonzalo Caballero, é empurrar a Alcoa para que "permita a venda" e "facilite a viabilidade" da planta de Cervo. "Temos que manter toda a presión para que rectifique", resumiu.

Comentarios