martes 11/08/20
Falamos da greve coa CIG e CCOO

Os sindicatos endurecerán a loita no sector do metal

Esta terza feira, día 27, terá lugar a segunda xornada de folga no sector do metal das comarcas coruñesas, após a greve do día 22, da que os sindicatos saíron satisfeitos. Se non conseguen un convenio xusto, endurecerán a loita sindical. Conversamos con Eduardo Caamaño (CIG) e con Victor Ledo (CCOO).

[Imaxe: CIG] Piquetes informativos nun polígono industrial da Coruña o día 22
[Imaxe: CIG] Piquetes informativos nun polígono industrial da Coruña o día 22

Todo pronto para a segunda xornada de folga no sector do metal nas comarcas coruñesas en aras de conseguir un “convenio xusto” que axude a recuperar a capacidade adquisitiva das traballadoras e traballadores. As forzas sindicais prevén un paro masivo após a greve do 22 de xuño, que tivo un seguimento, din, do 90%.

Logo de 25 anos, o sector volve saír á rúa nunha vaga de paros impulsada pola CIG, CCOO e UXT e contemplada para finais de xuño e principios de xullo. A razón: dous anos e medio de negociación dun convenio lesivo para a clase traballadora.

O secretario da CIG-Industria na Coruña, Eduardo Caamaño, revisa, para Sermos Galiza, as principais reclamacións do colectivo. “Reclamamos activar a cláusula de revisión do IPC, posto que acordamos paralizala no momento de comezar a crise, pero co compromiso de volver activala en canto acabase o convenio. Agora a patronal di que non, que a paralización era definitiva”, sinala.

A subrogación a subcontratas que traballan  para Fenosa e Telefónica é outra das reivindicacións, ao igual que os longos contratos a través de ETT. “Todo isto está creando moita precariedade. Hai persoas con 20 e 30 anos traballados sen antigüidade ningunha”, advirte.

As “altas indebidas” por parte das mutuas é outro dos campos de batalla, “queremos incidir nelas, poder mudala se vemos que non tratan ben os traballadores co fin de que non dean altas indebidas”. Aliás, cita a rebaixa do 60 ao 30% da baixa por enfermidade común.

Eduardo Caamaño: "Os traballadores levan cinco anos perdendo poder adquisitivo"

“Os traballadores levan cinco anos perdendo poder adquisitivo e os das empresas importantes levan perdida o equivalente a unha paga extra”, asegura.

Neste contexto, prevé que as próximas xornadas de greve sexan “un éxito”. “Aínda na sexta feira tivemos unha reunión e os traballadores dicían que ían continuar a folga de maneira incondicional”, engade.

Próximos días

No mesmo sentido pronúnciase Víctor Ledo, responsábel da Federación de Industria de CCOO, en declaracións a Sermos Galiza, “estamos moi satisfeitos do resultado da folga, porque foi un éxito de participación”.

O representante de CCOO advirte de que van seguir “fortalecendo a loita”. “Alí onde puido haber maior debilidade, intentaremos que teña un maior alcance na xornada do día 27. Os traballadores vense moi fortalecidos froito do paro do día 22 e están convencidos, ao igual que os sindicatos, de que van gañar esta loita”, salienta.

“Esperemos que a patronal vexa que imos en serio. Se o 27 non recapacitan e non nos chaman para convocar a mesa de negociación, seguiremos coa folla de ruta para as xornadas do 4 e 5 de xullo aínda con máis contundencia. A idea é que tomen nota de que a situación é xa insostíbel”, acrecenta.

Víctor Ledo: "Os propios traballadores pediron adoptar unha medida así"

O sindicalista de CCOO considera “totalmente xustas” as demandas dos traballadores para teren unhas “condicións dignas”. “Eles mesmos foron quen pediron adoptar unha medida así”, agrega, en alusión á convocatoria da greve.

Así, pon de manifesto que a “máxima” de CCOO, “chegou o momento de recuperar os dereitos e o poder adquisitivo. Agora os gobernos anuncian unha mellora do ciclo económico e un crecemento de ao redor do 3%. Ademais, os beneficios empresariais crecen sobre o 7%”.

2331027-Cabeceira_da_manifestacion_de_Ferrol_Version1A respeito do paro do 22 de xuño, Víctor Ledo destaca, alén das altas cifras de seguimento, a normalidade coa que se desenvolveu, “non houbo a máis mínima incidencia e ningunha denuncia de coacción por parte dos piquetes”. Sinala que nos polígonos industriais e nas grandes empresas “o paro foi total”, “estivemos como piquete nas portas pero non fixemos falta”.

“Os traballadores só acudiron a traballar nalgún caso de pequenos talleres e concesionarios, en que a patronal tamén está involucrada. Algún destes estabelecementos estaba aberto, pero unha vez que fomos os piquetes a explicarlles o porqué da folga e a dicirlles que era polos seus intereses e dereitos pecharon sen ningún problema e marcharon”, conclúe.

Máis de 18.000 traballadoras e traballadores están chamados á xornada de greve da terza, día 27.

comentarios