Confírmase o inicio da folga indefinida no sector do transporte por estrada para o día 8 de maio

As partes non están chamadas a retomar as negociacións polo momento. De feito, os sindicatos organizarán ao longo desta sexta feira asembleas locais para preparar os paros que se iniciarán na medianoite da segunda feira 8 de maio.
Protesta ás portas da estación de autobuses de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Protesta ás portas da estación de autobuses de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A folga indefinida no sector de transporte por estrada iniciarase a vindeira segunda feira día 8 de maio en toda a Galiza, logo de que na xuntanza da Mesa Galega do sector, decorrida no Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal chegara cunha nova proposta coa que pretender non manter o recollido no acordo asinado o pasado 26 de abril, que "quedaría así desvalorizado".

Xesús Pastoriza, responsábel do sector do Transporte da CIG, valora a actitude da patronal como "absolutamente negativa porque non manteñen a súa palabra". Acúsaos de "xogar sucio" e de ter asinado o acordo "gardándose un as na manga" para conseguir a desconvocatoria das dúas xornadas de folga de finais de abril, para posteriormente mudar o contido do asinado e advirte que isto xera "unha profunda desconfianza", ademais de "deixar á Mesa moi tocada".

"Inevitábel"

Os sindicatos do sector de transporte de viaxeiros xa anunciaron que vían "inevitábel" a folga indefinida convocada a partir da próxima segunda feira 8 de maio despois de que a reunión mantida durante case 12 horas entre representantes dos traballadores e patronal terminase sen acordo.

Ao longo de toda a xornada, sindicatos e empresas volveron sentar a negociar co Consello Galego de Relacións Laborais como mediador para tratar de alcanzar un pacto que salvase a folga.

As partes non están chamadas a retomar as negociacións polo momento. De feito, os sindicatos organizarán ao longo desta sexta feira asembleas locais para preparar os paros que se iniciarán na medianoite da segunda feira 8 de maio.

Así o relataron fontes presentes na mesa de negociación, na cal, segundo estas voces, as posturas entre parte social e empresarial afastaron máis as súas posturas, co que un acordo que evite a folga está hoxe "moi lonxe".

Grazas a un principio de acordo que contemplaba a actualización das táboas salariais dos últimos anos para compasalo aos prezos do IPC, patronal e sindicatos evitaron unha folga de 48 horas convocada.

As partes volveron atoparse na terza feira nun primeiro achegamento e emprazáronse a outra reunión para esta quinta feira que se prolongou desde primeira hora até pasadas as 21.30 horas sen que se chegase a un acordo para asinar novos convenios provinciais.

“Volvemos atrás”

"Lonxe de achegarnos, volvemos atrás", relataron fontes sindicais presentes na negociación, que apuntaron que, ademais de existir friccións na organización das xornadas, as organizacións sociais non están conformes coa oferta económica que poñen sobre a mesa as empresas.

Así, polo momento non está planeado que sindicatos e patronal volvan sentar para retomar as negociacións que permitan desencallar un conflito que levará á folga indefinida os traballadores do transporte interurbano, o metropolitano, aos servizos escolares e a proximidades, así como ao urbano de Santiago e Lugo, onde se rexen polos convenios provinciais.

Comentarios