Os sindicatos descontentos coa proposta de teletraballo da Xunta

O borrador que servirá de norma para teletraballar na Administración galega non gustou aos sindicatos. Cren que pode ser un punto de partida cara a unha proposta "de mínimos" sempre e cando se afonde polo miúdo aproveitando a experiencia destes meses nos que esta fórmula, aseguran, demostrou a súa capacidade de funcionamento nunha situación extrema.     
Unha persoa teletraballando desde a casa.(Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Unha persoa teletraballando desde a casa.(Eduardo Parra / Europa Press)

As organizacións sindicais con representación na mesa xeral de persoal público da Xunta da Galiza non están moi conformes coa proposta para regular o teletraballo que lles facilitou o Goberno galego en forma de borrador a pasada sexta feira. Coa actual situación de pandemia pola Covid-19, a fórmula do teletraballo está de actualidade e a que se puxo en práctica nas Administracións cando se decretou o estado de alarma e o confinamento da poboación semella que funcionou.

A nivel galego xa se contaba cunha norma xeral, aprobada en 2013 co acordo entre Xunta e sindicatos, coa excepción da CIG. O mes pasado o Ministerio de Traballo e Economía Social aprobaba un Real Decreto para actualizar a norma a nivel estatal e agora tocáballe ao Goberno galego facer o mesmo.  

Aproveitar a experiencia

"Este borrador trata, na súa maior parte, do teletraballo en condicións normais, só dedica unha páxina a casos como os que vivimos agora mesmo coa pandemia", explica a Nós Diario Zeltia Burgos Tortosa da CIG. Esta sindicalista indica que o borrador "é insuficiente" e "chega tarde, levamos meses agardando por el".

Para a central nacionalista a Xunta "non aprendeu da experiencia da Covid-19" cando o teletraballo se demostrou como "unha ferramenta fundamental para a prestación dos servizos públicos" que durante meses "evitou o fechamento dos mesmos e deixou ver que os servizos de carácter administrativo puideron seguir funcionando con normalidade e con altos índices de eficiencia". Por este motivo, Burgos non entende "que se reduzan horas de teletraballo".

Para a CIG a proposta que presenta a Xunta presenta varias eivas e limitacións. Algunhas delas asegura que "empeoran con respecto á regulacion actual de teletraballo ordinario" e teñen a idea de que o esta alternativa "é unha maneira de conciliar". 

Teletraballar segundo as funcións que se realicen

Un do apartados que desde a CIG apuntan como unha "marcha atrás" con respecto á norma actual é o feito de deixar fóra do teletraballo certos sectores, coa "exclusión total de determinados corpos, escalas e colectivos no canto dunha análise concreta dos postos de traballo”. Nesta cuestión coinciden con CCOO e UXT

Lino Díaz, da UXT, sinala a Nós Diario que un dos puntos sobre os que presentarán alegacións é aquel que determina cales serán as escalas e categorías que poderán ou non teletraballar. "Non nos gusta que sexa excluínte cando falamos dos empregados públicos que poden solicitar o teletraballo". Este sindicalista cre que "é mellor falar de funcións" e pon como exemplo "o persoal de rexistro, que en principio aparece como literalmente excluídos e entendemos que as súas tarefas si poden ser atendidas en teletraballo". En relación á porcentaxe, 40% e unha serie de rotacións.

"Entendemos que dependerá sempre dos servizos", sinala Lino Díaz, "e haberá aqueles que teñan un número relativo no corpo de efectivos que será difícil incrementar e, polo tanto, terá que haber sempre esa rotación". Xunto con isto está a xornada obrigatoria prevista de traballo presencial para todo o persoal que desde a CIG denominaron, con retranca, "Día do contaxio".

Por último, no conxunto de mudanzas a facer que indican os sindicatos, estaría o dereito á desconexión dixital e a proposta de teletraballar por obxectivos, ademais do control a través dun supervisor que, segundo Emilio Doforno, de CCOO, "non sabemos quen será nin que finalidade tería" polo que di que non están dispostos "a mudar as regras de xogo dos postos de traballo agora". Ademais deste punto, CCOO pedirá que os sindicatos participen nas comisións de seguimento das persoas que teletraballen.  

Os sindicatos teñen de prazo até a cuarta feira, 21 de outubro, para as alegacións. A vindeira sexta será a reunión coa Xunta para abordar o tema.

Comentarios