Sindicatos denuncian á TVG por fraude no contrato dos presentadores de Foro Aberto

CIG, UXT E USO levan á inspección a posíbel irregularidade na contratación mercantil de Carlos Luis Rodríguez e Pablo Acción -ambos xornalistas próximos ao PP- xa que cren que “encobre unha relación laboral ordinaria que debería desempeñar persoal da casa”.

carlosluisII-crop
photo_camera Carlos Luis Rodríguez

Os sindicatos CIG, UXT e USO denunciaron a pasada sexta feira ante a Inspección de Traballo de A Coruña á Televisión de Galicia (TVG) por posíbel fraude na contratación mercantil de Carlos Luís Rodríguez e Pablo Acción, presentadores do programa de debate Foro Aberto, a tertulia política e de actualidade que a canle pública emite nas noites das segundas ás quintas feiras na súa segunda canle. Ambos xornalistas son moi próximos ao PP e foron elixidos a dedo pola dirección dos medios públicos.

Segundo expoñen as centrais na denuncia, a contratación destes presentadores pode encobrir unha relación laboral de natureza ordinaria, que como tal debería prestarse por persoal laboral da TVG. Din as centrais que “a canle pública dispón de excelentes profesionais que poderían desempeñar as tarefas de presentación e moderación destes debates coas garantías profesionais e éticas que demanda a cidadanía galega”. CIG, UXT e USO engaden que “con estas contratacións a TVG trata de eludir o vínculo realmente laboral, neste caso de empregado público, cuxa actividade debe perseguir a satisfacción dos intereses xerais da cidadanía e fundamentarse en consideracións obxectivas orientadas cara á imparcialidade e o interese común, á marxe de calquera outro factor que exprese posicións persoais, familiares, corporativas, clientelares ou calquera outra que poida colidir co estes principios, conforme ao disposto no artigo 53 do Estatuto Básico do Empregado Público”.

As centrais lembran que este tipo de contratacións supoñen un gasto inxustificado nun momento de crise e recortes entre o persoal

Denuncia anterior

A denuncia sinala a “circunstancia de que o programa Foro Aberto estivo conducido na etapa inmediatamente anterior polo mesmo presentador, Carlos Luís Rodríguez, baixo a modalidade de contratación artística. Esta contratación, denunciada pola CIG en novembro de 2011, foi declarada en fraude de lei pola Inspección de Traballo, e polo Tribunal Supremo, razón pola cal a Dirección da TVG optou por pechar con este profesional un contrato mercantil para mantelo a calquera custo na presentación do programa.

Os sindicatos cren que con esta acción a TVG incorre nunha irregularidade “grave tipificada no artigo 7.2 da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social”. Tamén lembran que “o recurso por parte da TVG a este tipo de contratacións representa un gasto económico inxustificado en momentos de crise e de recortes que están afogando a canle pública, o emprego, os dereitos laborais dos seus traballadores e traballadoras e a calidade do servizo público de radiotelevisión de Galiza”.

Aliás, as cifras de audiencia son pésimas, en linha cunha canle, a G2, que apenas chega ao 1% de share (só unha de cada 100 persoas ven a súa programación). A audiencia do programa foi en abril de 0,4 de share. O debate de VTV chega a triplicar o de Foro Aberto. 

Comentarios