Sindicatos critican que a Xunta incumpra “o seu propio Protocolo interno de reincorporación ao traballo”

Afirman que a Administración programou a apertura para hoxe malia haber centros “que non contan coas medidas preventivas necesarias”.

Edificio central da Xunta en San Caetano, en Compostela.
photo_camera Edificio central da Xunta en San Caetano, en Compostela.

A Xunta chamou á incorporación presencial do seu persoal e programou a apertura dos centros de traballo a partir de hoxe, segunda feira 18, "sen ter en conta as medidas previstas no seu propio protocolo de reincorporación". É o que denuncian as centrais sindicais con representación na Mesa Xeral de Empregadas e Empregados Públicos, CIG, CCOO, CSIF e UGT, que consideran "inadmisíbel" que se abran centros de traballo nos que non se tomaron as medidas necesarias e cando o persoal non tivo tempo de comunicación a súa situación.

Estas catro centrais denuncian o incumprimento pola Xunta “do seu propio protocolo para a reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte á Covid19, que foi ratificado polas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral”.

A este respecto explican que instalacións como as bibliotecas e os museos da Consellería de Cultura, as Oficinas de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as Oficinas Comarcais Agrarias da Consellería do Medio Rural, abren hoxe as portas "cando nin sequera se rematou o informe de identificación e actuacións preliminares, nin foi revisado polos Servizos de Prevención de Riscos laborais nin polos Comités de Seguridade e Saúde Laboral correspondentes".

Advirten que moitas Consellarías están a facer interpretacións "retorcidas" do Protocolo saltándose os pasos de control e avaliación "e agora obrigan a incorporación mediante chamada telefónica, deixando desprotexido e en grave risco ao persoal, pois na maioría de centros non se tomaron as medidas preventivas necesarias nin este persoal tivo tempo a comunicar a súa situación".

Para a representación social esta imposición de reincorporación presencial “ás bravas” supón "poñer a todo o persoal en risco para a súa seguridade e saúde e o abandono de menores e maiores a cargo", desoíndo o acordado e ratificado polas organizacións sindicais.

"As organizacións sindicais rexeitan esta actitude impositiva da Xunta que contradí o Protocolo, que pon en risco a persoas traballadoras e usuarias dos servizos públicos e tamén vai contra a prudencia e principio de precaución que a Administración debera ter na reincorporación ao traballo presencial, que debe regularse polos principios de progresividade e toma de medidas de protección adecuadas", conclúen.


 

Comentarios