Eleccións PSA-Citroën: sindicato 'independente' revalida maioría e CUT duplica representación

SIT-FSI obtén case 63% dos votos e 20 representantes no comité de empresa de Citroën, CUT 4, UXT 4, CCOO 3 e CIG 2. Votaron 5.698 operarios, sendo a abstención cativa, de 2,2%.

citroen @cutcitroen
photo_camera Mobilización de operarios e operarias de PSA.

O SIT-FSI, sindicato 'independente', revalidou a súa maioría absoluta no comité de empresa nas eleccións que veñen de concluír en PSA-Citroën de Vigo e na que estaban chamados a participar máis de 6.000 traballadores e traballadoras. A participación foi moi alta, votaron 5.698 persoas, sendo a abstención de 2,2%.

O SIT, a quen algunhas centrais reprochan ser o "sindicato da empresa", atinxiu 20 representantes no Comité de Empresa, o mesmo número que posuía, e obtivo case 63% dos votos. Mantén así a ampla maioría da que fai gala desde hai case catro décadas na factoría de automoción viguesa.

Como segunda forza, con 4 delegados, sitúanse CUT, que posuía 2, e UXT, que baixa de 6 a 4. CCOO e CIG manteñen os representantes que tiñan, 3 e 2 respectivamente.

Desde a CUT xa mostraron a súa satisfacción cuns resultados que, afirman, demostran que "estes últimos catro anos a CUT fixo un sindicalismo de loita, confrontación e dignidade que non foi ben recibido pola empresa nin polo bloque sindical pactista. Fíxoselles complicado explicar as súas posicións fronte a outro sindicalismo posíbel que se abre camiño na empresa".

Comentarios