O sindicalismo galego, vasco e catalán demanda no Congreso unha axenda “social e democratizadora”

CIG, ELA, LAB e CSC realizan unha rolda de xuntanzas con organizacións políticas soberanistas e de esquerda na Cámara baixa.

CIG LAB Congreso

Unha delegación das organizacións sindicais máis representativas e hexemónicas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya -CIG, ELA, LAB e I-CSC- estiveron no Congreso español para manter reunións con representantes de formación políticas como BNG, Bildu, CUP, ERC e Junts per Catalunya primeiro e con representantes do PSOE, con posterioridade. O obxectivo dos encontros era o de trasladar os acordos e conclusións da ‘Declaración de Bilbo’, un documento no que estes catro sindicatos, soberanistas e de clase, tecen unha fronte común na defensa da xustiza social e o dereito a decidir.

A derrogación das reformas laborais e de pensións, a recuperación dos dereitos “arrebatados” na crise ou a fin da “centralización” en lexislación laboral e negociación colectiva son algunhas das demandas que estas organización expuxeron na Cámara española, un exemplo de como é desde a ‘periferia’ que se están a formular alternativas concretas para una axenda democrática e social “inequívoca” en beneficio de todos os pobos do Estado.

Nos encontros transmitiron tamén a necesidade de reverter as reformas de pensións e as reformas laborais ao tempo que lembraron a necesidade de avanzar nunha axenda "democratizadora ampla", derrogando inmediatamente a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal que criminaliza o movemento social e sindical.

Comentarios