O Centro de Desenvolvemento Rural de Cervantes organizara para esta quinta feira unha actividade que co título de "Conversa entre mulleres, a forza calada da montaña", pretendía dar voz a este colectivo moitas veces silenciado. As restricións sanitarias da pandemia tamén chegaron a estas montañas e a actividade foi suspendida, mais Nós Diario contou con algunhas das súas protagonistas coas que manter esa parola adiada.
"O problema máis grande que temos é a soidade", explica Amelia Amigo Santín, coordinadora da actividade, "en Cervantes hai máis de 20 aldeas nas que vive unha soa muller e o resto son homes". O despoboamento é o fío común da conversa e repítese en todas as voces desta zona oriental da Galiza.
"Temos sorte de contar co tecido asociativo e de quedar para tomar un café e falar entre nós" relata ao tempo que sinala o dato de que "hai 30 anos había 100 nenas e nenos nunha das tres escolas, hoxe hai 30 en todo o concello".
Non deixa de sorprenderlle a "capacidade incríbel de traballo das mulleres de aquí que coidan dos fillos, dos avós, da explotación.. e aínda nunca deixan de botar unha man nas actividades do noso tecido asociativo".
Gando e cultura
De asociacionismo sabe Noélia Rodríguez Pardo, presidenta da A.X. A Cambela. Estudou fisioterapia e exerce en Lugo polo que vive o seu Cervantes as fins de semana. "Encantaríame vivir onde nacín mais a miña supervivencia económica téñoa na cidade".
Recoñece que a única alternativa sería montar unha consulta propia, algo que "non o chegas a facer por medo". Malia a falta de medios, nas actividades que organizan "nótase a ilusión por ver medrar o rural".
En Cervantes a maior parte da poboación vive da explotación agrogandeira e as mulleres xogaron e xogan un papel importante. Un exemplo é Mónica Cerredo que casou con 17 anos e desde Navia de Suarna viu medrar unha pequena explotación familiar gandeira até chegar a ter 50 vacas e tres bois. "No noso caso non foi moi difícil porque non comezabamos de cero", relata. Iso si, "dubido que sigan o proxecto as miñas duas fillas que estudan e viven en Lugo".
Como remate, a experiencia doutra muller, Tomasa Masa Díaz, que chegou a Cervantes hai 34 anos procedente de Barcelona. "A vida é moi sacrificada, son 24 horas de traballo e sen fins de semana por coidar os animais", explica. Recoñece como anécdota que sempre se sentiu libre "por ter carné de conducir e coche", algo que non podían dicir outras mulleres que dependían dos homes para todo. "Foi o que eu decidín e foi a vida que había que levar", sentencia.