Ser muller na UE, traballar gratis desde o 2 de novembro

Un estudo publicado pola Comisión europea sitúa o promedio da fenda salarial comunitaria en 16,8% o que leva as mulleres a percibir 0,81 céntimos por cada euro que cobra un home.

conserveiras
photo_camera [Imaxe capa Mulleres en Roda de Carlos Maside]

A Comisión europea fixo público na sexta feira (30 de outubro) un estudo sobre as desigualdades salarias por razón de xénero no seo da UE. Neste senso, sinala dunha fenda entre mulleres e homes que se sitúa nun promedio do 16,8% sendo que os Estados membros onde esta é maior son Estonia (29,9%), Austria (23%), República Checa (22,1%), Alemaña (21,6%), Eslovaquia (19,8%), Reino Unido (19,7%) e o Estado español (19,3%). 

Os resultados tirados pola Comisión europea evidencian que as mulleres perciben por volta de 0,81 céntimos por cada euro dun home ou, o que é o mesmo, traballarían sen remuneración 59 días ao ano, isto é desde o vindeiro 2 de novembro. 

A Comisión explica esta realidade pola combinación de diversos factores, entre eles, unha maior dedicación das mulleres a traballos non remunerados como o coidado de persoas dependentes, crianzas ou as tarefas do fogar. Mentres a media de horas dedicadas a estas funcións é no caso delas de 26 horas semanais, isto é, case 4 horas diarias, os homes apenas chegan ás 9h. Isto provoca que unha de cada tres mulleres, segundo a UE reduzan a súa xornada laboral a tempo parcial mentres que a ratio entre eles é dun de cada 10

As mulleres da UE dedican 26 horas semanais, 4 horas ao día, a tarefas non remuneradas como os coidades, no caso dos homes sitúase en 9h á semana

Así mesmo, son homes os que ocupan fundamentalmente postos de dirección ou supervisión nas empresas recibindo, asemade, máis promocións internas do que as mulleres. Neste senso, só o 4% das direccións xerais están ocupadas por mulleres. 

Aliás, elas tenden a pasar maior tempo fóra do mercado laboral pois as cifras de paro atinxenlles en maior medida xunto cunha maior porcentraxe de interrupcións na carreira o que repercute nos salarios e tamén nas pensións. Neste senso, desde a Comisión advirten que as pensións son o 39% inferiores no caso delas. Ou o que é o mesmo, as pensións dos homes son un 61% maiores do que as percibidas polas mulleres. 

O vicepresidente primeiro da Comisión europea, Frans Timmermans, e as titulares de Emprego, Marianne Thyssen, e Justicia, Vera Jourova tildaron de "inxusta, inxustificábel e inaceptábel" a pervivencia de desigualdades salarias por razón de xénero e sinalan que a súa existencia, malia a lexislación vixente, reside en que os Estados membros "non aplican" de maneira "suficiente" a lexislación vixente en materia de equidade. 

Comentarios