Unha sentenza pioneira recoñece o dereito dunha traballadora do fogar a cobrar a prestación por desemprego

A decisión foi amparada polo Tribunal de Xustiza da UE, que decretou que a normativa española que exclúe das prestacións por desemprego ás empregadas de fogar é contraria ao dereito da Unión.
Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O fallo salienta que "perto de 100%" das persoas afiliadas como traballadoras do fogar son mulleres (Foto: Europa Press).

O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Vigo vén de ditar sentenza no caso da empregada de fogar que reclamou poder cobrar a prestación por desemprego, e que foi avalada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), e declarou o dereito desta muller a cotizar, como empregada de fogar, pola continxencia de desemprego.

O maxistrado aplicou a doutrina do TXUE que, nunha sentenza do pasado 24 de febreiro, estabeleceu que a normativa española que exclúe das prestacións por desemprego ás empregadas de fogar é contraria ao dereito da Unión. Así, tras expor unha cuestión prexudicial ante o TXUE para que se pronunciase sobre ese asunto, o titular do xulgado contencioso-administrativo 2 declarou, nunha sentenza pioneira, o dereito dunha muller para cotizar, como empregada de fogar, pola continxencia de desemprego.

Desta forma, estimou parcialmente o recurso interposto pola afectada fronte á Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS), á que condenou "a estar e pasar por tal declaración, o que supón remover sen demora os obstáculos que impidan ou dificulten ese dereito". O xuíz explica no seu fallo —contra o que non cabe recurso ordinario— que a imposibilidade da recorrente de ser beneficiaria da prestación por desemprego, no caso de que sobreveña esa continxencia, deriva da ausencia de previsión para a súa cotización.

Ademais, destaca que os datos estatísticos achegados no seu día pola recorrente reflicten "que a especialidade do réxime laboral de empregadas de fogar comprendía mulleres en porcentaxes próximas a 100 % das persoas afiliadas". Por iso, subliña que esa "realidade numérica" supón "un desequilibrio relevante, que sitúa as traballadoras en desvantaxe considerábel a respecto do colectivo profesional masculino".

Por outra parte, o maxistrado deixa constancia na resolución do "paradoxo" de que a Tesouraría pretendese "xustificar a carencia da acción protectora en materia de desemprego neste réxime especial no obxectivo de conservación dos niveis de emprego neste ámbito".

En consecuencia, o maxistrado indica que debe ser posíbel "lograr ambas as finalidades"; é dicir, por unha parte, "a determinación legal dunha acción protectora que non se limite á garantía de continxencias como as enfermidades profesionais e o accidente laboral, senón que cubra a eventualidade frecuente e perniciosa na súa afectación económica para a traballadora, que é o desemprego", e, por outro, lograr "o mantemento e aínda aumento do emprego regular no sector, con total belixerancia a respecto das relacións laborais opacas".

Na sentenza, tamén aborda "os efectos colaterais negativos" que derivan para a traballadora da existencia da limitación contida no artigo 251 da Lei Xeral da Seguridade Social (LXSS), pois advirte de que "non se cinguen á ausencia da prestación por desemprego, senón que se estenden a outros que derivan do seu esgotamento ou que se supeditan a atoparse a traballadora nesa situación, asimilada á alta".

Así, "para que a traballadora poida ter acceso a determinadas axudas sociais orientadas a colectivos de desempregados, sería preciso que esgotase a prestación por desemprego, de modo que por non percibila nunca, estarán fechadas esoutras portas de protección social". "Como vemos, o desamparo social xerado pola carencia da acción protectora transcende á simple imposibilidade de percibir a prestación por desemprego e proxecta os seus efectos económicos desfavorábeis sobre a traballadora, profundando na desigualdade de trato a respecto doutros traballadores", recalcou o xuíz de Vigo.

Con todo, a estimación da demanda é parcial, xa que o xuíz non admite a pretensión da recorrente de ter o dereito a cotización para cubrir o desemprego con carácter retroactivo, é dicir, desde a presentación da demanda, o 8 de novembro de 2019. O fallo indica que o dereito-deber de cotizar por esta continxencia "terá plena efectividade cando a lei o desenvolva, disciplinando o seu contido, sen que esta circunstancia supoña que a efectividade deste pronunciamento sexa meramente programática, xa que a estimación da demanda supón o acollemento dunha pretensión condenatoria da TXSS, por tanto, susceptíbel de execución forzosa no caso de que non se produza o seu cumprimento voluntario".

Comentarios