Tres semanas de loita obreira nun pequeno concello do rural galego

O persoal de Leche Celta na factoría de Meira leva tres semanas de paros e de greve para esixir unas melloras salariais e laborais das que si gozan os traballadores e traballadoras do mesmo grupo empresarial nas factorías de Ávila, Pontedeume e Santander. A partir desta cuarta intensifican as mobilizacións. “Prevemos que este conflito sexa longo”, recoñecen desde o cadro de persoal

leite celta

“A primeira manifestación que fixemos pola vila xerou sorpresa na xente”, Christian López, da CIG, refírese á protesta que percorreu a pequena vila de Meira (concello de 1.750 habitantes) o pasado mes de marzo. O persoal da factoría Leche Celta iniciara o 12 de agosto unha vaga de paros laborais e greves para demandar a mellora das condicións laborais e salariais. Nada doutro mundo, sosteñen, simplemente porse ao nivel dos traballadores e traballadoras do mesmo grupo nas outras tres factorías: Ávila, Santander e Pontedeume.

“Nós, en Meira, estamos a rentes do convenio estatal”, explica Christian López, da CIG, “ e en Galiza as empresas do sector teñen convenios superior ao estatal”. A idade media dos 70 operarios e operarias de Leche Celta anda nos 37 anos. “Unha idade tan baixa que indica? Que a xente non ve o seu futuro laboral na factoría”, explica López, lamentando que “perdamos capital humano, esteamos a formar traballadores para outras factorías”. As condicións laborais e salarias teñen moito a ver con isto.

Buque insignia

Meira non chega aos 1.800 habitantes. O concello, na comarca á que dá nome, está no nordeste do país, perto de Asturies. Un concello, como moitos no rural galego, avellentado e cun tecido comercial no centro da vila. “Leche Celta é como o buque insignia”, indica o sindicalista da CIG.

leche celta manifestacion cig greve

Se na primeira manifestación causaron sorpresa na veciñanza, na segunda xa houbo “mostras de afecto e de apoio”, recoñece López, mais procedentes nomeadamente “da xente maior”.

Dous anos

O conflito que arrancou en marzo ten as súas raíces máis atrás, hai dous anos. O persoal da factoría de Meira, explica Christian López, ve como nos outros tres centros de Leche Celta vanse dando melloras que non chegan ao centro deste concello lucense. Os traballadores e traballadoras de Meira pelexan por mellorar as retribucións ou por regularizar a xornada no tocante ás fins de semana. Loitan por mellorar as condicións laborais e salariais contra o muro da empresa, “mentres en 2017 o persoal de dirección aumentou o salario en 9%”.

Non é até que en marzo formalizan a convocatoria dos protestos que a empresa, entón si, acepta negociar unhas propostas que xa estaban rexistradas desde hai meses. Mais os avanzos non chegan e o persoal continúa cos paros e mobilizacións. De catro horas e a partir desta cuarta feira e até a sexta, rotativas por quendas para cubrir as 24 horas.

López di que a empresa xa anunciou que ía derivar a outros centros seus o leite con destino á factoría de Meira. “Leche Celta ten diñeiro para derivar a produción de Meira mais non interese para negociar cos seus traballadores”. A firma, sinala, semella interesada en que se paralice a actividade. O persoal valora comezar para a semana con paros de media xornada.

Greve

“As folgas e os conflitos no rural teñen outro ritmo. Dá para estudar se as medidas clásicas nun conflito son operativas ou non”, reflexiona López, que incide ao longo da conversa na necesidade de explicar ben á veciñanza os motivos desta loita. “Parece que te sitúas fóra de onda cando loitas por mellorar as túas condicións laborais cando hai tanta xente sen traballo”. Volve poñer sobre a mesa a realidade dos protestos: “Leche Celta mantén o centro de traballo de Meira cuns salarios indignos. Santander, Pontedeume e Ávila teñen condicións moito mellores”. E conclúe: “A empresa semella que non quere procurar unha solución de futuro para o persoal de Meira”.

Comentarios