Suso Seixo chama a un 1º de Maio para combater as ‘’políticas fracasadas’’ do PP para Galiza e a maioría social

O secretario xeral da CIG convida a participar nas mobilizacións desta sexta feira, que decorrerán baixo o lema ‘Contra a pobreza, emprego e salarios mínimos’. A central nacionalista convoca 12 manifestacións noutras tantas cidades e vilas galegas.

Suso Seixo e Francisco Miranda nunha rolda de prensa da CIG
photo_camera Suso Seixo e Francisco Miranda nunha rolda de prensa da CIG

‘Contra a pobreza, emprego e salarios mínimos’ é o lema baixo o que esta sexta feira, 1º de Maio, decorrerán as 12 manifestacións convocadas pola CIG noutras tantas cidades e localidades do país. Así o anunciou o secretario xeral, Suso Seixo, quen compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado do secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda.

Seixo explicou que o lema da manifestación escolleuse para evidenciar a situación á que leva a crise a cada vez máis galeg@s, a pobreza, e como o emprego e os salarios “dignos” son a mellor política para reverter a situación actual. O secretario xeral da central nacionalista dixo que a perda nestes anos de milleiros de postos de traballo foi acompañado dun “empobrecemento xeralizado da clase traballadora”. Paro, precariedade e emigración que deixa dados como, dixo, os 94.000 fogares con todos os seus membros en paro ou ben as 177.000 persoas que son consideradas como “ocupadas” polas estatísticas “pero cuxos ingresos brutos son inferiores a 1.872 euros ao ano, e con 150 euros brutos ao mes non podemos consideralas empregadas”.

Política “demoledora”

Seixo tamén lembrou que dados relativos a exportacións ou déficit comercial tamén indican que as políticas adoptadas polo PP foron “un fracaso” porque, aínda que poderían favorecer ás grandes empresas, “son demoledoras para as pequenas e medianas, que dirixen a súa produción ao mercado interior e que son as que crean emprego en Galiza”.

Seixo lembrou que “ese é o modelo contra o que estamos loitando” porque “aboca á clase traballadora a unha situación de pobreza mesmo tendo emprego” e fixo un chamamento a participar nas manifestacións convocadas pola CIG, en demanda de emprego e salarios dignos e duns servizos públicos, máis necesarios que nunca .

Horas e lugares de saída das manifestacións

 A Coruña: ás 12 horas desde a Praza de Vigo.

Compostela: ás 12:30 horas desde a Praza Roxa.

Ribeira:  ás 12.00 desde a Praza do Peixe.

Ferrol: ás 12.00 horas desde o local da CIG.

Lugo: ás 12:00h desde o Edificio Sindical na Ronda da Muralla.

Viveiro:  ás 12:00h con saída na Estación do FEVE.

Ourense: ás 12:30 do Pavillón dos Remedios.

Pontevedra:  ás 11:30 desde a Ferrería.

Vilagarcía: ás 12:00 desde a Casa do Mar

A Estrada: ás 12:00 desde a praza do Mercado

Vigo:  ás 11:30 horas  desde a Doblada.

Cangas: ás 18:00 horas.


 

Comentarios