“A seguridade dos traballadores de Ferroatlántica non estivo entre as prioridades da empresa"

O Comité reclama unha investigación sobre o accidente laboral en Ferroatlántica, que deixa tres persoas feridas.

2016-10-18-Cee-AsembleaFerroatlantica1.grande
photo_camera Unha asemblea detraballadores de Ferroatlántica

A deflagración desta terza feira no forno 12 da factoría de Ferroatlántica en Cee provocou feridas a tres traballadores. Non é a primeira vez que este forno é protagonista dun accidente laboral. No 2005 mesmo provocou a morte dun operario.

A empresa anunciou unha investigación para esclarecer o acontecido. O comité reclama que se depuren todas as responsabilidades que puideran derivarse por este sinistro e que se adopten as medidas oportunas para evitar que se repitan situacións similares.

Os representantes dos traballadores explican que reverter a precariedade das medidas de prevención e seguridade laboral nesta empresa constituíu "unha durísima loita" que o persoal tivo que manter ao longo de moitos anos, "pois máis alá da propaganda coa que o Grupo Villar Mir adoita encher os medios, a seguridade e a integridade física dos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica non estivo entre as prioridades da empresa".

O comité tamén lamenta que as instalacións de Cee e Dumbría “levan 25 anos sen recibir investimentos para a súa mellora, mantemento e modernización. Unha crítica que o Comité ten trasladado á empresa en numerosas ocasións”.

Comentarios