Seguimento masivo ao paro no Consorcio de Benestar

As traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar anuncian novos paros após conseguir un seguemento superior a 50%.
Marcha do persoal do Consorcio polas rúas de Compostela (Foto: CNT).
photo_camera Marcha do persoal do Consorcio polas rúas de Compostela (Foto: CNT).

As  traballadoras e traballadores do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar realizaron esta terza feira, 13 de abril, un novo paro de 24 horas, o cuarto no que vai de ano, na rede de servizos públicos, que inclúe as escolas infantís da Galiña Azul, os fogares residenciais, centros de día, centros de acollemento ou os servizos de inclusión e contra a violencia de xénero.

Nun comunicado, a CNT valora "moi positivamente esta cuarta xornada de folga, a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados". Polos datos que dispón o sindicato, a participación foi maior á conseguida na xornada anterior, cun seguimento de máis de 50% das traballadoras "en fraude de lei", e cunha importante participación en case a totalidade dos centros de traballo, agás naqueles nos que os servizos mínimos foron de 100% do persoal.

A xornada comezou cunha ruidosa manifestación-cazolada polas rúas de Compostela, que partiu da Alameda e rematou ás portas do Parlamento da Galiza, coincidindo coa realización do pleno. Fronte ao pazo do Hórreo as manifestantes berraron consignas como “As que estamos, quedamos”, "Fixeza xa", "Feixoo escoita, o Consorcio en loita" ou "Non ao ERE ás mulleres", referíndose neste último caso á evidente discriminación por razón de sexo que se daría de executarse o plan da Xunta. 

Sen resposta da Xerencia

O persoal do Consorcio xa anunciou que a súa intención é continuar coas mobilizacións na vindeira terza feira 27 de abril, con motivo do seguinte día de folga convocado para denunciar a situación laboral pola que atravesan as súas traballadoras

Neste senso, desde o sindicato critican abertamente o feito de que a Xerencia do Consorcio e a Dirección Xeral de Función Pública non queiran sentarse a negociar para tentar buscar unha solución para a estabilidade do persoal en folga. "A día de hoxe, continúa sen ningunha proposta alternativa nin vontade de escoitar as posíbeis solucións ofrecidas por parte do sindicato", lamenta a CNT. 

Para a central sindical é algo "urxente" iniciar estas negociacións para poder dar unha solución ao despedimento masivo de mulleres que se pode producir, ao tempo que lembran a Xunta e a Xerencia do Consorcio que están obrigadas por lei a negociar coas folguistas.

Comentarios