Seguimento maioritario da segunda greve do ano nos centros de chamadas de Galiza

CIG cifra nun 65% o apoio á folga e chama á patronal do sector a “entrar en razón”. O convenio venceu hai 26 meses e as propostas da parte empresarial, salienta Laura Pérez (CIG), non reverten as perdas salariais nin precariedade laboral.

17-02-20 folga centros chamadas 002
photo_camera Imaxe dunha das mobilizacións

Máis unha nova greve nos centros de chamada de Galiza, un sector que ocupa por volta de 8.000 persoas traballadoras. É a segunda greve no que vai de 2017 e que vén a se sumar ás catro que decorreron en 2016, ano no que tamén tiveron lugar en Galiza catro xornadas de paros parciais. Unha dinámica mobilizadora, pois, elevada. A greve desta segunda feira ten, segundo Laura Pérez, da CIG, sindicato convocante da mesma, un “seguimento maioritario” que cifra nun 65 por cento. Recoñece que nesta ocasión o seguimento foi “un pouco máis feble” que anteriores ocasións mais manifesta a satisfacción polo resultado. “A xente  cústalle cartos e esforzos secundar as protestas”, aponta, e malia iso continúa a a se mobilizar.

17-02-20 folga centros chamadas 001A greve, que nalgunhas empresas contou co apoio das seccións sindicais da CGT, volve  denunciar o bloqueo continuo da patronal e o inmobilismo dos sindicatos españois nas negociacións para renovar un convenio que leva máis de 26 meses vencido. A última oferta que fixo a patronal, sinalan, foi a de subir neste 2017 un 1,6% os salarios. Un incremento que non é suficiente, explican desde a CIG, porque se fai ignorando aos recortes e baixas salariais que se aplicaron aos traballadores durante estes anos.

A isto engaden que non hai avances en cuestións para reverter a precariedade laboral. A greve desta segunda feira decorrer ás portas dunha nova reunión coa patronal para negociar o convenio, xuntanza que terá lugar esta quinta feira. Laura Pérez confía en que a empresa “entre en razón” ao tempo que fai un chamamento aos sindicatos españois a traballar “de cara á unidade de acción” para que todos “e non só os traballadores galegos” leven o peso da loita por un convenio xusto.

As dúas imaxes son da autoría da CIG

Comentarios