O seguimento en Galiza da greve en Unísono contra a contratación por ETT e os incumprimentos laborais atinxe 80%

O persoal de Atento retomou as mobilizacións ante o incumprimento dos acordos alcanzados coa empresa.

unisono
photo_camera Concentración en Unisono

Volven as mobilizacións ao sector dos centros de cg¡hamadas, que en Galiza representa por volta de 8.000 empregos. Nesta volta foron en Unísono e Atento. A folga de 24 horas en Unísono convocada a nivel de estado por todas as centrais con representación nesta empresa do sector de centros de chamada superou 80% de seguimento en Galiza, onde o persoal desta empresa de centros de chamada mobilizaronse diante dos tres centros de traballo de Vigo. A greve estaba convocada para rexeitar a contratación fraudulenta “e case en exclusiva” a través de ETT e as "numerosas ilegalidades laborais" que está a cometer a dirección, explican desde a CIG, sindicato maioritario en Galiza neste sector.


A incidencia do paro foi desigual aínda que moi elevada en todos os casos, xa que hai campañas nas que o seguimento é de 100% e outras nas que supera o 80% e 90%, informa o sindicato. Entre as que menos seguimentos tiveron atópanse aquelas que contan con maior número de persoal eventual, “contratado na súa maioría mediante ETT”.

atento
Entre os motivos da greve está a contratación “case exclusiva e fraudulenta” mediante ETT. Outros incumprimentos da empresa teñen que ver co Plan de Igualdade, ou que tampouco aplica os PIF do curso 2018-2019, a partir de xaneiro 2019, por decisión unilateral da dirección, cando os PIF corresponde aceptalos por curso completo, non por ano natural. Outros aspectos que denuncian son a ineficiente limpeza e climatización dos centros de traballo; o establecemento de horarios e quendas, preferencias horarias, cambios de horario e gardas legais “incumprindo acordos do SIMA e demais legalidade”; que as vacacións son impostas pola empresa con criterios non establecidos en acordos asinados.

Atento

As traballadoras e os traballadores de Atento na Coruña retomaron esta segunda feira as mobilizacións para esixir da empresa que cumpra o acordo alcanzado o pasado mes de outubro para a mellora das condicións laborais. Ese acordo supuxera a suspensión dos paros e protestas semanais que o persoal estivo realizando durante seis meses , en rexeitamento aos despedimentos, presións, acosos, ausencia de formación, falta de tempo administrativo entre chamadas, imposición de vacacións e obxectivos imposíbeis de cumprir, abusos da mutua, etc.  

Comentarios