Seguimento de 40% na folga de CXT en Renfe e Adif

O sindicato denuncian falta de persoal e privatización nalgúns traballos que afectarían a usuarias e usuarios. 
Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Tren de Renfe (Europa Press)

A folga convocada en Renfe e Adif por CXT en toda Galiza obrigou a suspender 43 trens, 34 de media distancia e 9 de longa distancia, e tivo un seguimento de 40%.

O sindicato informou que as razóns da protesta céntranse na falta de persoal que está a padecer o servizo ferroviario e privatizacións dalgúns traballos. Poñen como exemplo que a partir do 1 de xaneiro as manobras de material na terminal de Vigo Guixar estarán privatizadas a través da empresa Logirail, xerando un total de 5 traballadores excedentes en Adif. Ademais,  comunican que as billeteiras de venda das estacións son cada vez menos coas xanelas abertas, recortando Renfe os horarios de venda anticipada en estacións como Compostela, Coruña, Vilagarcía, Pontevedra ou Vigo-Guixar.

O sindicato denuncia con esta folga varias irregularidades nos servizos que afectan ao persoal traballador mais tamén a usuarias e usuarios. "Seguen substituindo trens por autobuses por falla de maquinistas", explican desde CXT, e sinalan que "este ano deixaron de circular por esta circunstancia 54". Aseguran que ADIF presentou un plan de peche de equipos de traballo que realiza o mantemento da infraestrutura, propoñendo a privatización do mantemento de vía e o aumento de contratación do persoal Técnico superior e de Estrutura directiva,  "e segue con procesos de privatización do mantemento dos novos equipos de seguridade en vía que se están a instalar nas infraestruturas, como o ERTMS entre Vigo e Compostela".

Por último CXT explica que até novembro de 2019 uns 4.100 trens de Media Distancia de Galiza circularon sen persoal de Intervención a bordo que atendese e informase as viaxeiras. "Estamos a falar de trens cunha capacidade media de 180 prazas que só circularon co maquinista, perdendo a empresa una importante cantidade económica". 

Comentarios