Seguimento de 100% na folga en Isidro 1952 polo ERE

O persoal da empresa Isidro 1952 comezou esta pasada quinta feira unha folga indefinida para denunciar o ERE de extinción que anunciou a empresa. 
Concentración do persoal de Isidro 1952 diante da empresa (CIG)
photo_camera Concentración do persoal de Isidro 1952 diante da empresa (CIG)

O persoal da empresa Isidro 1952 chegou ao límite. A pasada quinta feira comezou unha folga indefinida para exixir que se paralice o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de extinción e á modificación substancial das condicións laborais e salariais que a dirección quere aplicar. A situación laboral é moi difícil como explica a Nós Diario a presidenta do comité, Olga Rodríguez. "A xente non está cobrando e a empresa segue a investir cartos en produción como os 30.000 euros destes días para mercar produtos". 

A empresa comunicou o 4 de decembro un ERE de extinción de 136 persoas e as que quedan terían un cambio substantivo das condicións de traballo. "Pasar de traballar pola mañá a facer tres quendas de luns a domingo, cando precise a empresa", explica Rodríguez, "ademais cunha baixada salarial que nalgúns casos chegaría a máis de 300 euros", engade.  Desde o comité de empresa de Isidro 1952 aseguran que a proposta de ERE ten moitas irregularidades. "Meteron xente con contratos temporais, prexubilada ou mesmo persoas que xa están xubiladas, outras que xa marcharan da empresa, todo un despropósito", asegura Olga Rodríguez. O período de consultas do ERE remata o vindeiro 23 de xaneiro mais desde o comité asegurán que non haberá acordo polas condicións que quere impoñer a empresa. 

Isidro 1952 conta na actualidade nun cadro de persoal de 225 persoas e a intención é, segundo explica a presidenta do comité, "que quedemos unhas 83". Os problemas económicos confirmados por unha débeda de 78 millóns de euros afectarían atmén aos criadeiros e piscifactorías. O propio comité denunciou diante a Xunta que non se está alimentando de maneira axeitada algunhas especies e xa houbo mortes.

Desde a CIG-A Coruña exixen a intervención da Xunta para garantir os postos de traballo nunha empresa que consideran "estratéxica para Galiza".

Comentarios