O sector servizos asume a suba do paro no mes de xaneiro

O aumento do desemprego e o aumento da temporalidade marcan o inicio do ano. Só 16% dos contratos asinados foron indefinidos.
camareiro bar hostalaría cervexa restaurante
photo_camera camareiro hostelaría servizos cañas bar cervexa

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego na Galiza subiu en 1.348 persoas en xaneiro (+0,88%), un mes no que adoita aumentar polo fin da campaña de Nadal.

Segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social, na Galiza hai un total de 153.932 persoas paradas, 32.052 menos que hai un ano.

No Estado, o número de parados rexistrados subiu en 17.173 desempregados en xaneiro (+0,5%), a menor repunta neste mes desde 1998, cando o paro se incrementou en 10.285 persoas.

Sobe o paro nos servizos

En todos os meses de xaneiro desde 1997, ano no que comeza a serie histórica comparábel, rexistráronse subidas do paro. A de xaneiro deste ano representa o segundo mellor dato de toda a serie, só por detrás do de 1998.

O ascenso de xaneiro pon fin a nove meses consecutivos de descensos do paro e deixa a cifra total de desempregados en 3.123.078 persoas.

No último ano, o desemprego acumula un descenso récord de 841.275 parados, o que supón un 21,2% menos.

O paro aumentou en xaneiro no sector servizos, que sumou 33.627 desempregados (+1,5%) e na agricultura, onde subiu en 2.657 persoas (+1,8%). En cambio, baixou no colectivo sen emprego anterior en 9.386 parados (-3,7%); na construción (-7.304 desempregados, -2,8%) e na industria (-2.421 parados, -0,9%).

No último ano, o desemprego reduciuse en todos os sectores, especialmente nos servizos, con 577.132 parados menos; seguido do colectivo sen emprego anterior (-99.905 desempregados); construción (-66.642); industria (-60.429) e agricultura (-37.167).

Maior temporalidade 

Para o sindicato CIG, o ano comeza marcado, ademais, pola "temporalidade na contratación". Salienta o crecemento do paro e a caída das afiliacións á Seguridade Social. Descenderon 1,05%, cunha media de persoas afiliadas de 1.021.784, 10.831 menos con respecto a decembro.

"O mercado laboral galego volveu experimentar un peor comportamento que o estatal". A suba do paro superou nunhas décimas a media estatal e a afiliación media "superou en oito veces o aumento do desemprego".

Os datos son máis negativos entre as mulleres, advirte a central nacionalista. "E a nivel sectorial, o que marcou a tendencia negativa neste último mes foi o sector servizos, no que se rexistraron 2.133 persoas paradas máis, un incremento de 2%".
No que atinxe á contratación, rexistráronse 70.942 contratos, dos que só 16,1% foi de carácter indefinido.

En canto ás persoas que permanecen en situación de ERTE, o último día de xaneiro contabilizábanse 5.330 (2.866 mulleres e 2.358 homes), das que 4.423 estaban en ERTE derivado da Covid.

Efectos da reforma laboral

Para a CIG, os datos do paro de xaneiro amosan "os efectos máis perversos da nova reforma laboral antes incluso da súa presumíbel aprobación definitiva".

A contratación temporal continúa por riba do 80%, mentres que a indefinida aumenta máis nas modalidades máis precarias: na indefinida parcial medra un 40% a nivel estatal, e nos fixos descontinuos increméntase un 50%, salienta o sindicato.

"Esta última modalidade de contratación indefinida non é máis que agochar contratación eventual baixo o eufemismo de fixo descontinuo", denuncia. "Un 68% da contratación indefinida na Galiza rexistrouse no sector servizos, que é onde se agochan as maiores bolsas de precariedade laboral".

Comentarios